Os pediatras piden que as administracións financien as máscaras para os menores con asma

Dispositivos fundamentais para o tratamento da enfermidade.

Os pediatras piden que as administracións financien as máscaras para os menores con asma Dispositivos fundamentais para o tratamento da enfermidade.O Grupo de Vías Respiratorias da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap) elaborou unha carta dirixida aos distintos Servizos de Saúde Autonómicos, solicitando o financiamento das cámaras de inhalación con máscara para administrar a medicación que necesitan os nenos e nenas con asma e outros problemas respiratorios. Na actualidade, a maioría de Comunidades Autónomas unicamente financian as cámaras sen máscara, un sistema non adecuado para os nenos pequenos. É por exemplo o caso de Galicia, onde o Sergas eliminou durante a anterior lexislatura varios dos dispositivos que ata daquela se viñan financiando.

Os sistemas de inhalación con cámara e máscara son os idóneos para a administración do tratamento de fármacos aos nenos menores de 3 anos que precisan tratamento con inhaladores, manifestan os pediatras do grupo, segundo recollen as directrices no tratamento da asma infantil, establecidas desde hai anos polas Guías de Atención ao paciente con asma, como a GINA (Global Initiative for Asthma) de ámbito mundial ou a GEMA (Guía Española de Manexo da Asma). Ademais, en diferentes Comunidades Autónomas puxéronse en marcha Programas ou Protocolos de Atención ao neno e adolescente con asma, onde se establecen as mesmas indicacións en canto aos dispositivos para a administración de terapia con aerosois en nenos; cámaras con máscara para os menores de 4 anos e cámaras con boquilla nos maiores desta idade.

Con todo, na actualidade e segundo manifestan os pediatras, na maioría do Estado seguen sen estar financiadas as cámaras de inhalación pediátricas con máscara facial. “É importante ter en conta que a administración de corticoides e broncodilatadores inhalados constitúe a base de manexo farmacolóxico da enfermidade asmática, sendo imprescindible a utilización dos dispositivos de inhalación”, explican desde o Grupo de Vías Respiratorias da AEPap. A prevalencia de sibilantes en nenos menores de 3 anos é moi alta, aproximadamente un 30% dos mesmos presentaron polo menos un episodio segundo datos da AEPap. A isto engádese, que os custos derivados do mal control da enfermidade por un tratamento pouco efectivo debido á non utilización dos dispositivos adecuados, é considerable. Os profesionais destacan a importancia de ter en conta esta necesidade non cuberta, e solicitan que se asegure que tanto a cámara como a máscara (xa sexa nun único dispositivo ou de forma separada) sexan financiados polos Servizos de Saúde e dispensados con receita normal.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*