Unha buxaina de ouro e tres de prata para Galicia nos premios EduBlogs

Pedro Landín, Ignacio Rodiño, Rubén Molinero e o equipo da biblioteca Ponte dos Brozos, recoñecidos pola súa actividade nas redes.

Comezamos enviándolles os nosos parabéns ao equipo da biblioteca do CEIP Ponte dos Brozos, en Arteixo, gañadores de premio na convocatoria dos XI Premios Espiral EduBlogs.

O centro resultou gañador na categoría 1, “Comunidades de Aprendizaxe”, pola súa bitácora ‘BiblioBrozos’. E así o contan desde o propio blog: “Para o Equipo de Biblioteca este premio é unha dose de motivación e emoción que fai que esteamos nunha nube (…) Sentímonos moi orgullosos de que un blog escrito na nosa lingua, que só pretende poñer en imaxes e palabras o que pasa no noso centro obteña un recoñecemento a nivel nacional. Imos descubrirvos o segredo deste éxito… Que hai detrás da nosa biblioteca? Pois estades VÓS, os cativos e os profes, porque como di Quino o creador de Mafalda: Pensaron algunha vez que se non fose por todos, ninguén sería nada?”

 

E do norte viaxamos cara ao sur, deica Vigo e o CEIP Balaídos, onde os parabéns van nesta ocasión para Rubén Molinero, gañador tamén dunha buxaina de prata na Categoría 3, “Profesores que comparten”, coa súa bitácora “Hablando en las nubes” que, por certo, é só unha das varias que administra.

E os parabéns tamén a Ignacio Rodiño, gañador doutra buxaina de prata polo seu Portfolio PLE, un espazo onde vai recollendo diversas actividades, reflexións e creacións acerca da súa ampla actividade formativa no ámbito das novas tecnoloxías e a educación.

Rubén Molinero e Ignacio Rodiño logo de recoller o galardón

[[Actualización 14-6-2017]] E finalmente, e desculpade que a pasáramos por alto na anterior peneira, xa que o premiado non puido asistir á entrega dos premios a pasada semana, temos que darlle os parabéns a Pedro Landín, do CPR Sagrado Corazón de Xesús, en Pontevedra, quen foi merecedor da buxaina de ouro na categoría 6, ‘Curadores de contido’, pola súa bitácora Tecnología ESO (Peladintecno), un espazo pensado inicialmente para a distribución de apuntes e que se converteu nun lugar de referencia para a materia de Tecnoloxía na Secundaria.

Pedro Landín (http://pelandintecno.blogspot.com.es/)
COMPARTIR

2 COMENTARIOS

  1. Vaia Pedro, isto si que é un despiste! Mil desculpas, non foron tres, senón catro, agora mesmiño actualizamos, parabéns!

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*