Inicio » A fondo » A voz da Mestra

A voz da Mestra

María Victoria Moreno – Imaxe: Editorial Galaxia

(GÁLIX – 21 de novembro de 2005) Mª Victoria Moreno Márquez faleceu hoxe pola mañá en Pontevedra, vítima dunha enfermidade que a acompañou nestes últimos anos e finalmente venceuna.

Nada en Valencia de Alcántara (Cáceres) en 1941, a Licenciatura en Filoloxía Románica tróuxoa para Galiza, onde desde 1963 ata a súa xubilación exerceu o maxisterio en institutos de Lugo e Pontevedra. A súa condición de Catedrática de Lingua e Literatura Española converteuse nunha condición funcionarial que lle permitiu espallar os seus extraordinarios coñecementos literarios e contaxiar a súa radical sensibilidade ante e a paixón de vivir a milleiros de alumnos e alumnas. Foi unha Mestra.

Logo de estudar o bacharelato en Barcelona e Filosofía e Letras (Sección de Filoloxía Románica) en Madrid, a súa chegada a Pontevedra como profesora do daquela Instituto Feminino fixo posible a súa integración na cultura galega. Aínda que comezou a súa traxectoria de escritora en castelán, axiña se integrou na nosa literatura en 1973 con dous libros que forman parte da nosa historia literaria imprescindible. Se a publicación de “Os novísimos da Poesía Galega” abriu as portas do verso novo en tempos de miseria á sociedade galega, desde a solidariedade co “home concreto” naquel “instante concreto” da Ditadura, a edición de “Mar adiante” constituíu un acontecemento no baleiro da literatura infantil-xuvenil galega. A súa dedicación á nosa cultura (desde os cursiños de Lingua Galega á marxe da oficialidade, en plena Ditadura, ata o seu labor de crítica, tradutora e pioneira da literatura infantil-xuvenil) converteuse nunha identificación co país e as súas xentes que mantivo ao longo da súa vida. Solidariedade e compromiso ideolóxico, literatura de elevado valor estético e ético para lectores e lectoras novos, sensibilidade ante a natureza viva e amor polos animais foron os eixos dunha traxectoria literaria e vital que deixou fonda pegada na nosa cultura.

Libros como “Anagnórise” (un dos máis vendidos pola nosa industria editorial), “Leonardo e os fontaneiros” ou “Guedellas de seda e liño” (o seu “testamento literario”) son referentes imprescindibles da nosa literatura sen idade. Ademais, en 2004 recolleu a súa batalla contra o enferma de cancro de mama en “Diario da luz e da sombra” (Xerais, 2004). O seu derradeiro libro, “Eu conto, ti cantas…” (Col. Merlín, Eds. Xerais, 2005) recompila tres contos de animais escritos en verso. A poesía maxistral, a solidariedade, o valor da amizade, o amor polos animais e o canto á paixón de vivir aparecen xuntos así na súa última e gran lección: “Eu son moi feliz dándolles de comer e aprendéndolles cousas aos cachorros. Aos nenos hai que darlles sempre o mellor. Por suposto, tamén na literatura”.

Foise a amante do silencio, pero a súa voz queda nos seus libros. E con ela a súa lección de vida, convertida nun “vento que canta cancións eternas sobre un mundo angustiosamente finito”. É a fermosa voz da Mestra.

GÁLIX – Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil

One Response to A voz da Mestra

  1. Pingback: Letras 2018: peneira de recursos sobre María Victoria Moreno | Botóns

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*