Alumnado da Baña, Cabana de Bergantiños e Ames gañan a VII edición de ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’

Alumnado da Baña, Cabana de Bergantiños e Ames gañan a VII edición de ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’Representarán a Galicia na fase estatal do certame a celebrar en Oviedo do 28 ao 30 de xuño.

Na categoría 1º e 2º da ESO o gañador foi o traballo ‘Por que a miña nai non lle gusta o chocolate branco?’ do CPI San Vicente da Baña e titorizado por Paula Blanco. Houbo ademais mencións especiais para ‘O Mundo, a casa de todos’, do IES número 1 de Ribeira e con Trinidad Pazos e Olga Simón como titoras, e ‘Hai máis alérxicos no século XXI?’, do Colexio Apostol Santiago e Isabel Hernández como profesora responsable.

Entre os traballos de 3º e 4º da ESO mereceu o galardón o proxecto ‘Amigos si, pero… a vaquiña polo que vale?’ do CPI As Revoltas e titorizado por Milagros Dieguez.

Xa na categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio, o gañador foi ‘Machismo na sociedade, Somos realmente as novas xeracións menos machistas?’ do Colexio Alca (Ames), con Mónica Fandiño como titora. Houbo tamén unha mención especial para ‘Como é o consumo de produtos transxénicos na sociedade?’ do mesmo colexio e titorizado por José María Villarino.

Divulgación da estatística
O resultado deuse a coñecer este luns 19 de xuño na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago.

O concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’ convócao a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación Operativa (Sgapeio) coa colaboración da Facultade de Matemáticas da USC, a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Instituto Galego de Estatística.

O xurado desta sétima edición estivo presidido por Tomás Cotos Yáñez , vicepresidente da SGAPEIO, sendo secretaria Mª Jesús Casado Barrio, do IES Daviña Rey de Monforte de Lemos. Como vogais actuaron Concepción Miguele Arrizado, do Instituto Galego de Estatística; Indalecio Cabana Leira, da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Covadonga Rodríguez-Moldes Rey, do IES de Mugardos; e Mª José Ginzo Villamayor, da USC e membro da actual executiva da SGAPEIO.

Os participantes no concurso debían realizar un proxecto de Estatística e/ou Investigación de Operacións. O tema era libre.

O concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’ convócao a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación Operativa (Sgapeio) coa colaboración da Facultade de Matemáticas da USC, a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Instituto Galego de Estatística.Que é un proxecto de Estatística e/ou Investigación de Operacións?
É o proceso que dá resposta a unha pregunta relevante usando técnicas estatísticas.

Como organizo un proxecto deste tipo?
O proxecto debe planificarse tendo en conta dúas fases: unha primeira fase de recollida de datos e unha segunda fase de análise estatística e interpretación de resultados.

Como podo obter datos?
Sempre debemos partir dunha pregunta relevante á que pretendemos dar resposta. Así, os datos que utilicemos poden provir de:
– Unha sondaxe deseñada polos participantes sobre un tema de interese xeral ou de interese polo centro educativo e/ou o seu ámbito. Na planificación da sondaxe debe deseñarse un cuestionario e, a continuación, realizarse.

– Un plan experimental para comparar dous produtos, dous tratamentos ou outras situacións similares. O experimento formulado pode estar relacionado con algunha das materias que os estudantes estean a cursar ou tratar dalgún fenómeno cotián.

– Explotación de bases de datos dos institutos oficiais de estatística (EUROSTAT, INE, IGE, etc.) ou doutros organismos e institucións, ás que se pode acceder a través da rede

 

 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*