Alumnado de PNO emitirá en directo a entrega dos premios Lois Peña Novo

Por vez primeira, e nesta XXIII edición, o evento retransmitirase en tempo real a través de internet.

O Castelo de Soutomaior será escenario este xoves 29 de xuño ás 19:30 horas do acto público no que se fará entrega dos premios Lois Peña Novo na súa XXIII edición. Será un acto público que contará coa presenza de diversos sectores da sociedade galega, que arrouparán os premiados: a maxistrada Sandra Piñeiro, o neurofisiólogo Xurxo Mariño e a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, galardoados nesta ocasión co recoñecemento do xurado da Fundación Lois Peña Novo polo seu labor en prol da normalización da lingua galega.

E precisamente, de forma pioneira, a asociación Ponte… nas Ondas! promove nesta ocasión a retransmisión en directo dos premios a través da rede. Un grupo de alumnado vencellado ao colectivo será o encargado de realizar esta emisión. O directo poderá seguirse a través da propia web de Ponte…nas Ondas! (www.pontenasondas.org) e do portal Escolas nas Ondas (www.escolasnasondas.org).

Xustamente, o espazo Escolas nas Ondas, promovido pola asociación para ser punto de encontro do audiovisual nas escolas de Galicia, Portugal e os países da área galego-portuguesa, xa acollera o pasado mes de febreiro, e coincidindo co Día Mundial da Radio, a emisión dunha intensa xornada de radio en directo: ata oito horas consecutivas de radio realizadas desde o IES Terra de Turonio, en Gondomar. O web acolleu ademais, as pezas radiofónicas elaboradas por ducias de escolas coincidindo coa mesma efeméride. Hai que lembrar que Ponte…nas Ondas! vén traballando con forza na promoción da radio na escola, labor que durante o último curso incluíu a realización de ata 35 obradoiros de radio nos que participaron arredor dun milleiro de nenas e nenos.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*