Inicio » Actualidade » A estratexia para o rural necesita dun plan específico de educación

A estratexia para o rural necesita dun plan específico de educación

Colectivos sociais expóñenlle aos grupos parlamentarios a urxencia dunha planificación ambiciosa.

O recente peche de varios centros educativos, moi contestado socialmente nos concellos afectados, é exemplo das eivas na atención ao rural galego. O caso estivo no primeiro plano do debate acontecido esta semana durante unha xornada de traballo no Parlamento de Galicia, onde membros de todos os grupos parlamentarios (PP, En Marea, PSdeG e BNG) se reuniron con representantes de varios colectivos, entre eles: a Confederación de Anpas Galegas, a Mesa pola Educación no Rural constituída por Movementos de Renovación Pedagóxica (Nova Escola Galega, Asociación Educativa Antonio Gandoy-Preescolar na Casa, e Asociación Sociopedagóxica Galega) e organizacións sindicais (CIG, CCOO, FETE-UGT, e STEG) así como o Grupo Interuniversitario de Traballo de Educación no Rural, e outros colectivos diversos do rural galego.

Os colectivos urxiron a unha moratoria urxente que “free de inmediato todas as medidas previstas de recorte de unidades e peche de escolas”. Ao tempo, reclaman a elaboración dun plan estratéxico que enfronte “a situación límite na que se atopa o rural galego”. E subliñan que esa estratexia debe incluír “un plan específico de educación no rural”.

Durante a xuntanza, os parlamentarios recibiron o documento base da Mesa Galega de Educación no Rural e o documento de conclusións do X Encontro Debate sobre o Medio Rural Galego (dende a perspectiva da educación), realizado recentemente en Sedes-Narón, e organizado por Nova Escola Galega. Inicialmente, os representantes do tecido social cualificaron de satisfactorias as conclusións desta xornada intensiva.

Planificación acorde coas peculiaridades específicas

Un grupo interdisciplinar, integrado por persoal técnico da propia Xunta, expertos da universidade e representantes dos colectivos e movementos sociais do rural, vén traballando no deseño de propostas, algunhas das cales se visibilizaron durante a xornada. O obxectivo é propoñerlle á Xunta unha metodoloxía que responda ás demandas consensuadas pola cidadanía do rural: unha ferramenta de planificación de longo alcance que sexa a base dunha concreción normativa ou lexislativa que recollas as peculiaridades senlleiras do rural galego e dos seus territorios de montaña, interiores, litorais e periurbáns.

Desde a Mesa Galega de Educación no Rural indican que esta ferramenta planificadora terá moi presente coma principios inspiradores as directrices da Unesco para a preservación e fortalecemento das zonas rurais, a lexislación europea e medidas de impulso ao sector produtivo local, á fixación de poboación e do mantemento dos servizos públicos nos territorios rurais polo seu valor económico e inmaterial para a construción dunha Europa sostible, a propia lexislación autonómica e as propias sensibilidades da Xunta que cualificou de Lexislatura do Rural, o actual período executivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*