Reinaugúrase o espazo coincidindo co 132 aniversario do pasamento da autora e 45º da primeira apertura.
Recomendámosvos a visita a este espazo que, sen dúbida, é xa unha das áreas culturais máis visitadas do país e, dende logo, un lugar de referencia para todas as galegas e galegos polo seu vínculo coa nosa autora máis universal.
De xullo a setembro
10.00-14.00 h
16.00-20.00 h
Resto do ano
10.00-13.30 h
16.00-19.00 h
Luns pechado
Domingos e festivos: 10.00-13.30 h
O pasado sábado 15 de xullo, a conmemoración do cabodano de Rosalía de Castro, o 132º aniversario do seu falecemento, coincidiu cun evento moi especial: a reinauguración do espazo da Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón, a popularmente coñecida como a Casa da Matanza, onde Rosalía viviu os derradeiros anos da súa vida.
Ábrese así unha excelente oportunidade para visitar de novo a Casa Museo para aqueles que xa acudiran no pasado e para estreala quen non tivese aínda a oportunidade de visitala. A renovación non só incluíu obras de reacondicionamento vencelladas coa propia estrutura dos edificios, senón que tamén se aproveitou para renovar o propio discurso museográfico, ampliando o material dispoñible e promovendo a idea de que a propia vivenda e as pezas que acolle, relaten dun xeito máis didáctico a vida e a obra da autora.
Entre outros, o espazo acolle a chisteira e unha cinta funeraria de Manuel Murguía que, xunto cunha carteiriña de Ovidio, fillo de Rosalía e Murguía, son as tres pezas que a Real Academia Galega cedeu en depósito á Fundación Rosalía para que as amose nesta nova etapa da casa museo de Padrón.
Por outro lado, tamén se inclúen tres novos óleos de Ovidio Murguía e un crecho de cabelo de Rosalía, que neste caso compoñen a nova cesión da Deputación da Coruña á Fundación. Trátase das obras “A feira de Santa Susana”, “Paisaxe de inverno no Sarela” e “Amor Durmido/ Retrato de Gala Murguía”, que forman agora parte do conxunto artístico do centro.
Durante o evento de reinauguración tivo lugar a unha actuación de Amancio Prada, cuxa carreira musical está intimamente ligada a Rosalía de Castro:
“Adiós ríos, adiós fontes” de Amancio Prada na reinauguración da Casa de Rosalía
“Campanas de Bastavales” de Amancio Prada na reinauguración da Casa de Rosalía