‘En galego, por que non?’, de Manuel Núñez Singala

Contra os prexuízos e as simplificacións sobre a lingua galegaContra os prexuízos e as simplificacións sobre a lingua galega.

Xa van aló oito anos desde a saída do prelo deste libro e, á espera de poder dar conta do novo libro que sobre o tema escribiu o autor, ‘Sacar a lingua é de mala educación’, aproveitamos para recuperar e recomendar esta obra, ‘En galego, por que non?’, de Manuel Núñez Singala.

Relata o autor no prólogo que o volume ten orixe nas propias charlas que con frecuencia acostuma a dar nalgúns centros educativos de Galicia sobre normalización lingüística, prexuízos, planificación e demais extremos relacionados coa extensión do uso da lingua. E, dun xeito práctico, e a partir do contacto co alumnado, foi xurdindo o fío do volume, tomando como referencia as súas preguntas, comentarios e razoamentos. A idea: elaborar un repertorio de argumentos que sexan capaces de contrarrestar esa sensación “ambiental” de que a opción do galego é antiga, errada, minoritaria, rural, propia de radicais ou de intelectuais desconectados da realidade social. “Tanto para gañar novos falantes para a lingua galega como para fidelizar aos que xa o son”, subliña Manuel Núñez Singala.

Sexan inercias, simplificacións ou xuízos erróneos, Núñez Singala debulla e ofrece para alumnado e familias un conxunto de ideas sinxelas para ir amosando a falsidade de cada unha delas, de xeito didáctico e con humor. O volume é xa que logo un guieiro práctico que, no canto de expoñer os diferentes estudos sociolingüísticos que avalan o argumentario, bota man de instrumentos máis claros e simples, a través de chiscadelas e xogos, mesmo baseados en brincadeiras matemáticas, para estimular a reflexión sobre os prexuízos e ideas preconcibidas.

Especialmente útil e enfocado cara á adolescencia

“ O futuro do galego, como o de calquera lingua, está na xente nova. Eles serán os falantes do mañá e a continuidade da lingua está condicionada a que eles acollan, conserven e usen de xeito normal este idioma. A adolescencia é ademais unha época crucial, xa que normalmente é nesa banda de idade cando se produce a opción lingüística que despois tenderá a perpetuarse. A todos os rapaces e rapazas galegos van, pois, dedicadas estas páxinas”

Os capítulos do libro seguen a seguinte secuencia, argumentando fronte a diversos prexuízos clásicos:
1.Sobre simplificacións e prexuízos
2.Porque é unha lingua bruta, que soa mal
3.Porque aprender galego é unha perda de tempo, se todos falásemos inglés non habería problemas para entenderse
4.Porque non todos o falamos, e falar galego cando hai alguén que non o fala é de mala educación
5.Porque non o damos falado ben
6.Porque é unha lingua imposta
7.Porque é unha lingua minoritaria
8.Porque non o fala ninguén
9.Porque non

EXTRACTO DO LIBRO

Os galegos somos un pobo moi duro con nós mesmos, con frecuencia resaltamos o que temos de negativo e somos incapaces de ver as cousas boas. Cústanos moito traballo apreciar o noso. Trátase dun hábito que pode chegar a facernos moito dano.

Os galegos posuímos algo de capital importancia ao que non lle outorgamos a atención nin o valor que merece. Algo que moi frecuentemente é vítima do noso desprezo: a lingua galega. Unha lingua é sempre unha riqueza, e moitos ven niso un estorbo, un atranco, en definitiva, un choro, como no caso da gaivota.

A miña intención con estas páxinas e convidarte á reflexión, a pensar honradamente sobre o galego. Espero que a lectura che resulte agradable, que descubras cousas novas e que estas páxinas che axuden a crear unha opinión propia, túa, sobre a lingua galega.

Se temos unha lingua, por que non usala? Por que non en galego? Se xa o falas convídote a que leas as páxinas que seguen, que quizais che sirvan de reforzo para a túa conduta lingüística actual, e se non o fas, convídote igualmente a que penses sobre a razón. Por que non en galego? Porque é unha lingua bruta, que soa mal? Ou porque consideras que aprender galego e non inglés é unha perda de tempo? Ou porque falar galego cando hai outros que non o falan é de mala educación? Ou porque cres que non o das falado ben?… A todos estes porqués e bastantes máis atoparás resposta neste libro. Espero que che guste e que ao final che sirva para que poidas opinar sobre o galego con maior fundamento, sexa o que sexa o que ao final ti mesmo decidas.

Os prexuízos fan que vexamos a realidade dunha maneira non sempre axeitada.

A web de Manuel Núñez Singala

O futuro do galego, como o de calquera lingua, está na xente nova. Eles serán os falantes do mañá e a continuidade da lingua está condicionada a que eles acollan, conserven e usen de xeito normal este idioma.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*