Penso, logo… estorbo

Penso, logo... estorboSerá este o ano do regreso da Filosofía ás aulas?

“Existe un acordo unánime en que a filosofía é unha das dimensións máis profundas na formación, na constitución intelectual, e non só intelectual, dunha persoa; en que a filosofía, antes que unha determinada especialidade dun conxunto de profesionais, é algo ao que todo o mundo está chamado, pois dalgún modo todo o mundo, segundo os momentos, faise preguntas filosóficas, medita, pensa filosóficamente, fai verdade o dictum de que todo ser humano é filósofo”.

Así o subliñaba o documento que o pasado mes de abril se difundía coincidindo co inicio da campaña en prol da Filosofía no sistema educativo. Unha proposta de Iniciativa Lexislativa Popular que en poucos meses colleitou máis de 8 mil sinaturas en todo o país. E a finais de agosto, as sinaturas foron entregadas xa no rexistro do Parlamento de Galicia, depositadas por unha delegación de docentes co decado da Facultade de Filosofía da USC, José Miguel Sagüillo Fernández-Vega, e a exdeputada e profesora de Filosofía, a pontevedresa Carme Adán.

“Chía pola filosofía” e “Penso, logo estorbo”, foron lemas que circularon moi activos polas redes en apoio á campaña que denuncia a erosión ás humanidades nos últimos anos e de xeito concreto a eliminación da Filosofía como materia común para o alumnado que remata o Bacharelato. A proposta que chega ao Parlamento insta a Consellería de Educación ao seguinte:
1. No marco das súas competencias realizar as adaptacións necesarias para incluir na oferta educativa do Bacharelato a obrigatoriedade da Historia da Filosofía como materia troncal.
2. Instar o Ministerio de Educación do Goberno do Estado a propiciar nos traballos para o denominado Pacto educativo un debate en profundidade sobre a situación da Filosofía no sistema educativo e a necesidade da súa pervivencia

Pendentes da posición do PP e da negociación do Pacto Educativo no Congreso

Os grupos parlamentarios de En Marea, PSdeG e BNG avanzaron que se sumarán a esta iniciativa para que sexa debatida durante o novo período de sesións da Cámara o vindeiro mes de outubro. Na mesa está a posibilidade de que, na liña do que en varias comunidades autónomas xa se fixo, a materia de Historia da Filosofía poida ser impartida en 2º de Bacharelato.

A Filosofía foi no seu momento unha das damnificadas pola moi polémica lei Wert, xa que a LOMCE transformou de obrigatoria a optativa a Historia da Filosofía e só deixou Filosofía como obrigatoria en 1º de Bacharelato. Na práctica, o alumnado pode rematar o seu período de educación obrigatoria “sen saber sequera quen era Aristóteles ou Kant”.

Na nova lexislatura a nivel estatal, que supuxo a perda de maioría absoluta para o Partido Popular, e no marco da actual negociación no Congreso para o chamado “Pacto de Estado pola Educación”, as cousas poderían cambiar. Unha das representantes do PP na negociación, a deputada Sandra Moneo, xa se referiu criticamente a finais do curso pasado respecto da actual situación, afirmando que ningún alumno debera terminar o ensino obrigatorio sen ter coñecementos filosóficos. Mais a devandita negociación estatal camiña lenta e con prognóstico incerto polo que, en Galicia, no debate que chega ao Parlamento este outono, o executivo terá a oportunidade de aceptar usar as ferramentas das que dispón para comezar a corrixir esta inédita situación nas aulas.

O espazo en Facebook da campaña Filosofía Si!

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*