Crianza exenta de criadores: os nenos da chave como exemplo da crise que non terminou

España é actualmente un dos sete países da Unión Europea que non teñen un verdadeiro sistema de prestacións por fillo a cargoUn informe de Educo, debulla unha grave situación que permanece oculta sen recibir a necesaria atención por parte da sociedade e os seus representantes políticos.

“Ten nómina, traballo, e é pobre. Pero non ten esperanza de atopar outro emprego e non ve que outra cousa pode facer para escapar da súa traxedia privada. Difícil pensar noutra cousa”. Esta definición podería aplicarse a día de hoxe a case una de cada seis persoas a nivel estatal. Por máis que voces do ámbito político saquen peito e presuman de cifras macroeconómicas diversas, a pé de rúa, a realidade dos fogares dista de poder considerar que a crise finalizase.

Un de cada cinco usuarios de axudas sociais dunha cidade como Barcelona ten traballo, pero con salarios medios de ao redor de pouco máis de 500 euros, apenas sobrevive coa súa familia na urbe. “Estamos comezando a chamarlle emprego a calquera cousa, aínda que sexa precario, inestable e mal pago”, denuncia Carlos Susías, da Rede Europea contra a Pobreza (EAPN-España). “A produtividade está a conseguirse a través da precarización dos traballadores”, sinala Salvador Busquets, de Cáritas Barcelona. Os seus testemuños avalan a grave realidade que debulla o informe ‘Na procura dos nenos da chave. Unha mirada indiscreta á España que emerxe da Gran Recesión’, elaborado pola Fundación Educación y Cooperación – Educo.

“A función do emprego como factor de inclusión social só se cumpre se o emprego ten determinadas características de estabilidade, nivel de ingresos e calidade”, lembra Susías. E atrás de cada porta, milleiros de familias, viven esa “realidade corrosiva” que non só lastra a economía do fogar, senón que obstaculiza as relacións familiares e sociais”: Nai que sae a traballar ás 9 da mañá e, con sorte, pode volver ás 10 da noite. Pai que, con sorte, ten traballo, e no peor dos casos sae tamén ás 9 da mañá para buscar traballo e volve pola noite. Os referentes familiares non están na casa. E España é actualmente un dos sete países da Unión Europea que non teñen un verdadeiro sistema de prestacións por fillo a cargo, cando, paradoxalmente, é un dos estados con maior pobreza infantil

Pobreza, desigualdade e precariedade

Crianza exenta de criadores: os nenos da chave como exemplo da crise que non terminouEn España existen 8,2 millóns de fogares con nenas e nenos a cargo. Destes, o 27,4 % están en risco de pobreza. Isto significa que 2,2 millóns de fogares con nenas e nenos a cargo están en risco de pobreza. O 16,1 % dos fogares con nenas e nenos e persoas adultas ocupadas están en risco de pobreza. Trátase dos fogares dos traballadores pobres. Estas “nenas e nenos da chave”, que corren ás veces coa chave de casa colgada ao pescozo á saída da aula camiño a un fogar onde non os espera ninguén. Menores que son ás veces tema de chamadas telefónicas de directores de escola a concellos ou Servizos Sociais da contorna, cando se atopan con que, a pesar da súa reducida idade, ninguén vén buscalos á saída da escola e non é posible situar os seus coidadores.

E non se trata dunha situación de neglixencia destes proxenitores, senón da imposibilidade de conciliar a atención adecuada a fillas e fillos cos horarios moi dilatados de traballo. “Unha situación económica e laboral de precariedade con practicamente nulo soporte familiar e social”.

En breve, a infancia e adolescencia serán unha comunidade exclusiva das nativas e nativos do século XXI. Pero a pertenza a un século non será a única pegada da súa identidade. Nin sequera a máis significativa. A nivel local, esta xeración criada nun Estado español onde un de cada tres nenos e nenas vive por baixo do limiar do risco de pobreza, son á vez nativas e nativos da crise. É unha xeración que desenvolve as súas expectativas e aspiracións á luz de estereotipos de riqueza, amplificados nos medios de información, como camiño de felicidade, que mostran que o máis importante é o ter.

É o contexto no que medran estas nativas e nativos da escaseza, unha infancia en risco de exclusión social e illamento, xa sexa…
por falta de tempo dos seus coidadores,
por falta de relacións próximas e sociais,
ou por falta de recursos económicos.
Ou por falta das tres…

Obstáculos, riscos e vida cotiá

España é actualmente un dos sete países da Unión Europea que non ten un verdadeiro sistema de prestacións por fillo a cargo. En 2009 eran 350.000 as nenas e nenos de 6 a 14 anos que pasaban as tardes dos días laborables sós na casa. A enquisa de Educo de 2017 indica que o verán pasado eran perto de 580.000 as nenas e os nenos de 6 a 13 anos (14,9%), que teñen chave e quedan sós polas tardes. Ninguén pode ir por eles, nin esperalos a media tarde. Tampouco hai servizo de comedor na maioría dos institutos, e boa parte das familias non poden pagar extraescolares.

Os especialistas alertan dos perigos deste tempo exento de coidadores en relación a condutas de risco (o alcol, cuxa media de inicio en España é aos 13,7 anos, ou as drogas), á mala alimentación ou aos problemas emocionais que xorden de situacións de illamento e soidade.

Trátase da falta de referentes de persoas adultas nas súas vidas. Son nenos e nenas que non teñen, por exemplo, a quen contarlles o que lles pasa cando o necesitan. Se o adulto non está nese momento, pérdese esta oportunidade. Ademais, tampouco se sabe que fan na casa nese tempo. Podemos aproximarnos á vida dos nenos da chave, pero non o sabemos. Só coñecemos tendencias, porcentaxes, como que o 50,9 % de nenas e nenos teñen móbil e que aos 14 anos xa son o 90 % (INE). Ou que, ao chegar aos 15 anos, o uso da internet fóra de aula, en días laborables é de 4 horas, e que o 69 % din “sentirse realmente mal” cando non se conectan a internet (OCDE). Ou que o 41,3 % de nenas e nenos teñen sobrepeso, que se asocia á mala alimentación polo elevado consumo de bebidas azucradas e comidas precociñadas, así como ao menor tempo que se dedica á comida.

Algunhas características comúns a menores afectados por este contexto que se comentan no informe:

Irritabilidade
Falta de límites
Ausencia de rutinas
Falta de xestión das emocións
Non aceptación do “non”
Déficit na xestión do conflito
Recurso fácil á violencia
Elevado consumo de televisión, internet ou videoxogos

Informe completo (.pdf)

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*