O CEIP de Riomaior e o Colexio Santo Domingo gañan o premio de Consumo Responsable GaliconsNet

premio aos proxectos de innovación educativa sobre consumo responsable Galicons-netO proxecto “Coa cooperativa Riomaior, a publicidade irá mellor”, elaborado polo Colexio de Educación Primaria Plurilingüe de Riomaior, foi declarado gañador do premio aos proxectos de innovación educativa sobre consumo responsable Galicons-net, convocado conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Instituto Galego do Consumo e da Competencia. O centro gañou o premio na categoría A (alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria), dotado coa contía de 1.500 euros.

Aquí podemos ver como elixiron o seu logo: “Empregamos cores vivas e empregando o verde porque queremos ser unha cooperativa que respecte a natureza, usamos un logo circular porque indica seguridade, é dicir que a xente pode confiar en nós; e por último puxemos os globos porque é un símbolo de nenos, e o ‘r’ feito de lápiz, goma e pegamento porque somos unha cooperativa feita na escola, por iso cremos que este logo nos representa”. E aquí temos o seu primeiro anuncio. A promoción do camiño de Santiago ao seu paso por Vilaboa ou o fomento da reciclaxe e da compostaxe como unha forma de coidar o medio ambiente, foron algunhas das actividades de marketing publicitario realizadas.

O alumnado analizou técnicas publicitarias e viu anuncios televisivos de diferentes épocas, entrevistando a proxenitores e avós, investigando a influencia da publicidade sobre as decisións de consumo da poboación e como foron cambiando as técnicas publicitarias nas últimas décadas.

Na categoría B (alumnado de educación secundaria obrigatoria), dotado tamén coa contía de 1.500 euros, o premio foi para o Colexio Santo Domingo FESD, polo proxecto “Consumindo boa publicidade e publicitando o bo consumo”.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*