Exposición ‘Relecturas da feminidade’

Selección de fotografías domésticas de varios países

Na entrada desta mostra atópanse dúas vitrinas con sete fotografías, xunto ás que se sitúa o cuestionario no que Silvia García, profesora de Belas Artes, convida aos visitantes a “escribir a súa interpretación” dunhas imaxes das que descoñecen o contexto, a época ou o lugar. Por exemplo:

  • Que cres que está facendo a muller da imaxe?
  • Por que cres que adopta esa postura?
  • Se tiveses que imaxinar quen a está fotografando, dirías que é un home ou unha muller?

As imaxes que integran Relecturas da feminidade buscan afondar no xeito de pousar diante da cámara de mulleres de diferentes de Europa, Asia ou América. “Hai algo que viaxa coas imaxes, unha iconografía que adaptamos dunha forma non consciente, influenciadas polas estrelas de cine ou pola fotografía de moda”, apunta Silvia García, tras constatar como, en diferentes contextos e culturas, reproducíanse comportamentos similares diante da cámara.

Trala súa estrea na cidade de Pontevedra na Facultade de Belas Artes, ‘Relecturas da feminidade. Rastro material’ trasládase do 2 ao 13 de outubro á Biblioteca Central do campus, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, para logo viaxar tamén aos campus de Vigo e Ourense, en cuxas bibliotecas poderá contemplarse do 17 ao 27 de outubro e do 6 ao 15 de novembro respectivamente. Esta serie de exposicións veranse complementadas así mesmo en outubro co obradoiro ‘As mulleres detrás da cámara’, que impartirán as cineastas Xisela Franco e Andrea Zapata.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*