Aprendendo química co estudo das lámpadas de rúa

Alumnado ourensán de 2º da ESO mereceu premio polo seu esforzo investigador.

No outono do ano pasado, andaba a veciñanza ourensá preocupada pola retirada das lámpadas de rúa de ferro forxado que decoraban a zona da Ponte Romana. Informaban daquela desde o concello que o mal estado de moitas delas facía que custase máis reparalas que instalar outras novas, motivo polo cal se procedera a retiralas xa que, advertían, mesmo unha caera a pouca distancia dun parque onde moita xente acostuma a pasear coas súas mascotas.

Daquela, Rubén Borrajo Blanco, Alicia Gómez Ceballos, Daniel León Domínguez e Paula Pérez Rodríguez, alumnos de 2º da ESO do Colexio Plurilingüe San Xosé – Josefinas, coordinados polo docente Carlos Pérez Freire, viron claro o seu tema de traballo para o concurso destinado a mocidade investigadora que cada ano involucra a milleiros de rapazas e rapaces a nivel estatal.

Así procederon a analizar a cuestión das lámpadas da ponte ourensá, analizando a causa do deterioro e concluíndo sobre posibles solucións cara ao futuro, mesmo botando contas de cal podería ser a máis barata para as arcas municipais. O resultado, merecedor dun dos premios do xurado, pode consultarse en detalle na rede, e leva por título “Estudo da eficacia da utilización de metais de sacrificio para previr a corrosión do mobiliario urbano de metal”.

Un extracto do traballo:

“A oxidación é unha reacción química onde un metal ou un non metal perde electróns e, por tanto, aumenta o seu estado de oxidación. A reacción química oposta á oxidación coñécese como redución, é dicir o proceso no que un elemento químico gaña electróns. Estas dúas reaccións sempre se dan xuntas, é dicir, cando unha substancia se oxida -perde electróns-, sempre é pola acción doutra que se reduce -acepta electróns-. Por esta razón, prefírese o termo xeral de reaccións redox. Redox, en termos xerais, é unha abreviación de ‘redución/oxidación’, e refírese a todas aquelas reaccións químicas onde os átomos cambian o seu estado de oxidación.

De todas as formas de corrosión, a atmosférica, é a que produce maior cantidade de danos no material e en maior proporción. Grandes cantidades de metal de automóbiles, pontes ou edificios están expostas á atmosfera e, polo mesmo, ven atacados por osíxeno e auga. A gravidade desta clase de corrosión increméntase cando o sal, os compostos de sulfuro e outros contaminantes atmosféricos están presentes. (…)”

Na mesma edición do certame, tamén mereceron premio as rapazas de 2º da ESO do Colexio Plurilingüe Alborada, de Vigo, Antía Álvarez Fernández, Noa Orge Rodríguez e Ruth Jones Vaqueiro, coordinadas polo docente Alberto García Mallo, polo seu traballo ‘Estudo do homing da patella ssp. na ría de Vigo’. “Investigamos se é verdade que as lapas volven ao seu lugar de partida despois de desprazárense para alimentarse (“homing”) e se lles inflúe a distancia á que se afastan.Tamén estudamos se poden chegar a ocuparen un “locus” que non é o seu e que sistema de rastreo usan para recoñecelo”.

A nova edición do concurso está xa aberta. O prazo de inscrición remata o 23 de marzo de 2018, e o envío de traballos poderá facerse deica o 23 de abril. Podedes apuntarvos aquí

No Facebook do certame

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*