O debate educativo conxelado: agardando por Godot

Nova entrega do NEG-Opina de Nova Escola Galega. Texto íntegro:

A convulsión que supuxo o proceso de implantación da LOMCE no sistema educativo durante os últimos anos semella ter esmorecido como consecuencia da redución do impacto das reválidas, ao perderen estas o seu carácter vinculante para acadar unha determinada titulación. A suspensión desta medida, mentres non se acade un Pacto Educativo, serviu para que o PP e C´s vendesen ante a opinión pública unha suposta «conxelación do calendario de aplicación da LOMCE en todos aqueles aspectos que non tivesen entrado en vigor», o que na práctica non tivo máis efecto que sobre este aspecto das reválidas.

A ausencia de polémica neste comezo de curso non pode atribuírse, porén, a que se revertese a situación de grave involución que a chamada «lei Wert» provocou en todo o sistema educativo estatal, agravado no caso galego por medidas anteriores coma o «Decreto de plurilingüismo», a supresión do sistema de préstamo universal de libros de texto ou a introdución do copago nos comedores escolares.

Se ben resulta difícil debullar todas as causas da aparente «calma» coa que comeza o curso 2017-2018 —suposto éxito na loita contra a LOMCE ao conseguirse a suspensión da medida máis polémica, traslado do foco informativo a outros asuntos da actualidade, desunión das forzas políticas da oposición…— resulta doado enumerar as consecuencias da conxelación de facto do debate educativo, nun contexto no que cómpre lembrar unha evidencia lexislativa: a primeira Lei educativa do Partido Popular, das sete aprobadas desde a democracia, a máis polémica e contestada socialmente de todas, está en vigor e implantada en todo o sistema educativo non universitario. E o alcance da regresión que supoñen as medidas aprobadas nesta lei —alén das reválidas— séntese xa nos centros educativos e nas familias.

Desde Nova Escola Galega queremos denunciar que, das medidas educativas urxentes que propoñiamos ante as eleccións xerais do ano 2015, só se contemplou, relativamente, a relacionada coas reválidas. Isto é así malia que o mandato saído das urnas daquela e novamente no 2016 outorgáballes a maioría ás forzas políticas que se comprometeran a derrogar a LOMCE. Sobre elas recae, xa que logo, dar explicacións sobre os motivos polos que se manteñen as disposicións relacionadas coa materia de relixión, que coa nova lei non só pasa a ser avaliable como calquera outra materia a efectos de expediente académico e acceso a bolsas, senón que mesmo acada en bacharelato o rango de materia obrigatoria para determinados itinerarios educativos. A estas forzas políticas que, podendo obrigar a derrogación da LOMCE, pactan o «agora non toca, ata que non haxa un Pacto pola educación», correspóndelles explicar a existencia de dúas vías en 4º da ESO e o adianto da segregación a 3º da ESO, no caso das Matemáticas, a substitución dos PCPI (Programas de cualificación profesional inicial) pola FP Básica, así como o mantemento de todas as medidas de recortes e restricións económicas que atinxen ás reducións do programa de bolsas, aos servizos de transporte e comedor, ao aumento da carga docente, á redución dos apoios á diversidade educativa…

Cómpre salientar que, mentres o debate social sobre a educación practicamente desapareceu da opinión pública, a dereita segue a tomar medidas cun fondo impacto negativo sobre a calidade educativa: velaí as 58 unidades concertadas por parte da Xunta, en pleno mes de agosto con duración ata o ano 2023, cos cinco colexios que segregan o alumnado en función do sexo en Galiza; ou o progresivo e acelerado desmantelamento do rural, co peche de unitarias e centros coma o CPI Monte Caxado (As Pontes) e o CEIP Emilio Navasqües (Outes). Unha vez máis, estas medidas tomáronse co curso rematado para evitar o impacto informativo das mobilizacións co que foron recibidos estes peches, amosando a Consellaría a súa falta de respecto absoluto cara ao profesorado e cara ás familias, ás que só parece recoñecerlles o dereito de elección de centro cando elixen centros concertados.

A dereita que nos goberna, no caso galego por partida dobre, introduciu, ademais de recortes e involucións lexislativas, un discurso falaz e altamente lesivo en diversos ámbitos centrais para a educación, e corremos o risco de que se instalen, de xeito máis permanente cás leis no imaxinario social. Desde NEG denunciamos o debate maniqueo sobre cuestións tan sensibles coma as seguintes.

Inglés versus galego

O argumento forte empregado pola Xunta para xustificar o chamado «Decreto de plurilingüismo», co que se conseguiu reducir por primeira vez desde o comezo da democracia a presenza do galego no ensino, deixándoo nunha situación de clara desprotección, é o de que temos que escoller entre aprender galego ou aprender inglés; escoller entre unha lingua franca en boa parte do mundo ou unha lingua de uso limitado que supostamente non serve para nada máis alá dos Ancares.

Nun contexto social diglósico, esta falsa disxuntiva contestada desde unha parte do coñecemento científico coa afirmación «as linguas suman», estase a instalar en cada vez máis amplos sectores sociais, levando por diante o relativo consenso ao redor da necesaria normalización lingüística do galego. Por se non fose proba abonda dos estragos que provoca gobernar desde o complexo de inferioridade, a impartición de materias non lingüísticas en inglés está a provocar unha perda de calidade educativa, así como dificultades de acceso aos contidos para boa parte do alumnado. Mentres tanto, ningún informe da Consellaría avalía os resultados deste decreto, se cadra porque o obxectivo fundamental —rabenar a normalización—, acadouse desde mesmo antes da súa aprobación.

As dúas culturas: ciencias versus humanidades

Desde hai anos vivimos unha revolución do coñecemento que ten transformado a ciencia nun ámbito máis presente ca nunca no noso día a día, facendo que as novidades tecnolóxicas se incorporen rapidamente ás nosas vidas. Este desenvolvemento vertixinoso está levando a moitos sistemas educativos, entre eles o noso, a apostar en polas disciplinas de ciencias fronte ás outras, en resposta á demanda de perfís profesionais técnicos por parte dos mercados laborais (as materias coñecidas como STEM: Science, Technology, Engineering, Mathematics) por parte dos mercados laborais.

Porén, contrapoñer a aprendizaxe das ciencias á aprendizaxe das humanidades en vez de tratar a cuestión como procesos complementarios, non só comporta un empobrecemento cultural, senón que formará persoas con falta de visión sobre a finalidade última e as implicacións éticas e morais de moitos dos problemas que afronta a ciencia.

Con esta falsa alternativa xógase ademais, de xeito implícito, a finalidade prioritaria da educación: formar individuos con capacidade produtiva para a sociedade ou formar persoas con capacidade para xestionaren as súas vidas acadando as súas propias metas persoais e as da sociedade na que se integran.

Excelencia versus fracaso escolar

Este novo exemplo de falsa disxuntiva forma parte da estratexia neoliberal de enfrontar excelencia e fracaso escolar como aspectos antagónicos na loita polos recursos en educación e na que este último leva as de perder. A expresión «primar a excelencia» forma parte do discurso reiterado da Consellaría e do Goberno central, colocándonos de cheo na estratexia da dereita para mover os marcos da análise de cales deben ser os obxectivos prioritarios do noso sistema educativo. Non é casualidade que se nomee reiteradamente a «excelencia» e que apareza co verbo primar, outorgar primacía, predominio, facer que prevaleza… nos orzamentos de educación.

Cómpre ter en conta que o termo «excelencia» fai referencia a escaseza de alumnado con moi bos resultados en probas internacionais como o informe PISA, e non a calquera outro significado que poida darlle cada quen na súa libre interpretación para considerar un sistema educativo «excelente».

Ideoloxicamente, a «excelencia» serve para mover os marcos sobre cal debe ser a prioridade en educación: xa non é o abandono escolar e o seu corolario, a desigualdade social, senón a excelencia; que ‘implica’ destinar os recursos para o alumnado que mellor «taxa de retorno» vai ofrecer. A educación deixa de ser un dereito individual para converterse só nun investimento social nun contexto capitalista que, como «bo investimento económico», debe buscar maximizar o seu rendemento. Velaí a proposta tamén recollida no pacto PP-C‘s de «bolsas de excelencia» na Universidade, ao tempo que non se elimina a esixencia introducida polo goberno do PP dunha nota mínima de 6,5 para ter dereito a unha bolsa «estándar» para acceder á Universidade. A igualdade de oportunidades, así entendida por ambos partidos, supón que o alumnado con menos recursos económicos debe esforzarse máis para ser quen de merecer a axuda da sociedade na súa traxectoria educativa…; substitúese, de vez, a xustiza social polas dádivas arbitrarias de antano.

Mentres as forzas políticas progresistas seguen agardando por Godot «hoxe non virá pero mañá seguro que si», por un pacto educativo que nin tan sequera está na axenda, o discurso neoliberal vai enchoupando boa parte da sociedade, facendo máis distante un horizonte no que revertermos involucións lexislativas coma a LOMCE ou o Decreto de plurilingüismo, e abordarmos os cambios profundos que o noso sistema educativo precisa para que sexa unha ferramenta coa que construír unha sociedade máis libre e xusta. O que non avancemos nesta lexislatura constitúe, xa que logo, un retroceso na recuperación dun contexto educativo asentado na igualdade de oportunidades.

 

Nova Escola Galega

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*