Presión para a substitución da Valedora pola “arbitraria actuación” en relación coa lingua

Presión para a substitución da Valedora do Pobo pola “arbitraria actuación” en relación coa linguaChamadas á dimisión pola súa indiferenza fronte ás queixas por vulneración de dereitos e as actuacións de oficio contra a normalización.

“Este comportamento é totalmente censurábel nunha institución que tería que defender o cumprimento da lei, nomeadamente a Lei 3/1983 do 15 de xuño de normalización lingüística, e non por vulnerala, polo que lle exiximos que dimita do seu cargo”, sinalana o secretario de Acción Sindical da CIG-Ensino, Diego Boquete, este mércores, diante da Oficina da Valedora do Pobo, durante a concentración convocada por membros da CIG-Ensino e representantes da Mesa pola Normalización Lingüística.

Referíase Diego Boquete á suma de polémicas que acumula Milagros Otero Parga, Valedora do Pobo, por vulneración de dereitos lingüísticos da poboación. Un exemplo é o acontecido cando a sorprendente penalización dunha nena que escribiu “Galiza” nunha redacción, forma lingüísticamente correcta ao igual que “Galicia”, chegou á mesa da Valedora que, paradoxalmente, non atendeu a petición de amparo formulada. Xunto a esa queixa recente están outras como as relativas á redución do horario de lingua galega na LOMC. Á beira, as críticas á institución inclúen as actuacións de oficio no que as entidades convocantes da concentración cualifican de “persecución da normalización”. Entre os exemplos ofrecidos estarían a petición para que se edite a cartilla das vacinas en español ou que se retiraran sinais de tránsito no noso idioma en Gondomar.

O representante da CIG advertiu que lle solicitarán ás forzas políticas con representación no Parlamento “que poñan enriba da mesa a súa substitución por incumprimento dos labores como Valedora e por amosar un sectarismo ideolóxico inadmisíbel no seu cargo”, avanzou Diego Boquete.

Comportamento impropio da institución

Pola súa banda, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, explicou que “esta persoa está indo moito máis aló da actuación doutras entidades e administracións volcando as súas fobias contra o galego cando a súa obriga é facer respectar a lei e contribuír a normalizar o seu uso en todos os contextos sociais”. “Facemos un chamamento a todos os colectivos que se están vendo desatendidos por esta persoa para unírmonos e anunciamos que a partir de agora non a recoñeceremos como Valedora”. Neste sentido, avanzou que a Mesa lle seguirá enviando queixas e denuncias a esta institución pero xa non irán remitidas ao nome de Milagros Otero Parga por terse demostrado incompetente para facer valer o seu cargo.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*