O regreso da filosofía ás aulas consegue un inédito consenso no Parlamento

O regreso da filosofía ás aulas consegue un inédito consenso no ParlamentoNa mesma xornada vetouse unha proposta para modificar a Lomce en favor do ensino público.

A proposta chegaba co aval dunha mobilización cidadá importante que, encarreirada pola plataforma Filosofía Si, colleitou en poucas semanas un total de 8.000 sinaturas, para conseguir que o pleno da Cámara tivese que debater o tema. De xeito paralelo, as diferentes forzas políticas con representación parlamentaria foron amosándose favorables á proposta. Logo de que en meses pasados a representación do PP na mesa que no Congreso debate o pacto educativo admitise a necesidade de corrixir o golpe á filosofía nas aulas que lle dera a LOMCE, o PPdeG tamén se uniu ao consenso galego.

Así, este mércores o Parlamento aprobaba por unanimidade a primeira proposición non de lei de iniciativa popular. O documento insta a consellería de Educación a realizar as adaptacións necesarias para que se inclúa na oferta educativa de Bacharelato a obrigatoriedade da Historia da Filosofía como materia troncal. Tamén se lle solicita ao goberno español que facilite nos traballos cara ao pacto educativo no Congreso que se debate en profundidade a necesidade do reforzo da filosofía no sistema educativo.

A actriz Marta Pérez, licenciada en Filosofía e directora da Compañía de teatro Inversa, e da obra “Té con Kant”, caracterizada como “filósofa kantiana que chegou ao Parlamento galego directamente da Prusia do século XVIII”

Inédito consenso parlamentario

O voceiro de Educación do PPdeG, César Fernández, destacou que fose precisamente a filosofía o tema que facilitou a aprobación da primeira proposición non de lei de iniciativa popular e afirmou que “na sociedade todos nos preguntamos que podemos coñecer, que debemos facer, que cabe esperar ou que é o home e o ser humano, polo que a filosofía, independentemente da condición e do contexto concreto, forma parte da natureza humana e é inalienable do propio ser humano”.

Desde o grupo de En Marea, a deputada Ánxeles Cuña referiuse ao “vulnerable e manipulable” que a cidadanía pode ser “se non pensamos”. O voceiro de Educación do PSdeG, Luís Álvarez, aproveitou para cargar tamén contra a “perniciosa e innecesaria” LOMCE, denunciando que este marco lexislativo obstaculiza que o alumnado se converta en cidadanía do “país moderno que todas queremos ser”. “Queremos unha educación que nos ensine a pensar e non a obedecer”, sinalou polo BNG, a deputada Olalla Rodil. Engadiu Rodil que a filosofía nas aulas, non só como ámbito formativo senón como espazo de estímulo no currículo académico, “é chave para entender. Para entender o que nos rodea mais tamén todo o aprendido e para  interconectar coñecemento tecendo unha rede que constrúe pensamento”.

Veto a proposta sobre a LOMCE

Máis, unha de cal e outra de area, a comunidade educativa estivo de actualidade por outros motivos tamén este mércores na Cámara. Na mesa estivo tamén unha proposición non de lei do grupo parlamentario do PsdeG para modificar a Lomce priorizando o ensino público sobre o concertado e devolvéndolle competencias aos claustros de profesores. Solicitaban os socialistas a modificación da Lomce para que a programación da rede de centros priorice á rede pública sobre a concertada, acabando coa escusa do PP de que as escolas concertadas eran incluídas “a demanda” dos pais. Sinalou que “o que da cobertura educativa universal é a rede pública, e como tal debe ser priorizada con respecto da concertada”.

Na mesma proposta pediuse que os claustros de profesores recuperen moitas das competencias que lles foron retiradas en favor dos directores, volvendo ademais á designación daqueles por unha maioría de representantes da comunidade escolar do centro. Coa Lomce, os directores son seleccionados nunha comisión na que a maior representación lle corresponde á administración, limitando a tan só entre un 30 e un 50 por cento de representantes dos centros. Estes directores, ademais, ostentan a autoridade exclusiva de aprobar os proxectos e normas, as programacións anuais, as decisións sobre a admisión de alumnos e sobre os recursos complementarios.

COMPARTIR

1 COMENTARIO

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*