Ledicia Costas segue a colleita de premios e gaña por segunda vez o premio Lazarillo

Recibe o galardón pola obra ‘A balada dos unicornios’.

Reunidos os xurados do premio Lazarillo 2017 na sede da Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI),acordouse conceder o premio de creación literaria ex aequo ás novelas xuvenís presentadas por Ledicia Costas e Rafael Salmerón. Por outro lado, o premio de álbume ilustrado foille outorgado á ilustradora Eva Palomar Gómez.

‘A balada dos unicornios’ é a novela de Ledicia Costas, escrita en galego, que recibe o galardón. Á beira, foi premiado o autor madrileño Rafael Salmerón, pola obra ‘No te muevas Musaraña’. O libro ilustrado de Eva Palomar leva por título ‘Bienvenida Lupe’.

Os premios Lazarillo están dotados con 3.000 euros en cada unha das modalidades. A entrega dos galardóns vaise facer durante a inauguración do XLI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Madrid, o próximo 13 de decembro.

A autora galega consegue o premio por segunda vez

O Premio Lazarillo é o máis antigo do Estado español adicado á literatura infantil e xuvenil e vén convocándose desde 1958. A OEPLI organízao desde o ano 1986. No caso da escritora galega Ledicia Costas esta será a segunda vez que o consiga, logo de que a súa novela ‘Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta’ fose tamén merecedora do galardón en 2015.

O xurado na modalidade de creación literaria estivo integrado por Xosé A. Perozo, presidente de la OEPLI, por Nuria Ranz, Montse Pena, Arantxa Bea e Idoia Etxegoien, en representación das catro seccións territoriais da OEPLI. Actuou como secretaria Ana Cendán, secretaria técnica da OEPLI.

Optaron ao Premio Lazarillo nesta ocasión un total de 68 obras, das cales 41 foron de narrativa, 23 de poesía e 4 de teatro. Ao premio de ilustración optaron 41 obras.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*