Cinema Crianza: Festival Internacional de Cinema Infantil

Do 15 ao 17 de decembro. En Ames. Ducias de sesións con curtametraxes, longametraxes, música e actividades educativasDo 15 ao 17 de decembro. En Ames. Ducias de sesións con curtametraxes, longametraxes, música e actividades educativas.

O festival dará a benvida cunha sesión para pequenos e maiores na que se proxectarán traballos de Lotte Reiniger. Esta cineasta alemá, que comezou a súa carreira aló polo 1916, foi pioneira no arte do cine de animación mediante personaxes de siluetas e o xogo con luces e sombras. De Reiniger poderase ver unha escolma de contos clásicos, como Cincenta e Pulgariña.

O fío condutor deste primeiro Cinema Crianza son as viaxes, o programa está concibido como un tren que percorrerá “terras de lume e de xeo, cruzará os mares e tamén o ceo, pois o noso tren é quen de atravesar calquera terreo”.

As curtametraxes estarán agrupadas en sesións, atendendo á temática dos filmes, así como á idade recomendada dos mesmos. O tren imaxinario do Cinema Crianza irá deixando pasaxeiros nestas diferentes “paradas” (as sesións).

Axóuxeres, Buxainas, Metamorfoses

Das pezas recibidas dende os cinco continentes para esta primeira edición de Cinema Crianza, seleccionáronse 70 curtametraxes que competirán na sección “Axóuxeres”, traballos para nenos de ata 3 anos, e “Buxainas”, para rapaces de máis de 3 anos. Todas elas foran seleccionadas polo seu potencial para fomentar nos nenos e mozas o espírito crítico sobre temas sociais ou culturais e de cultivar o seu criterio audiovisual, ofrecendo primeiras experiencias diversas e de calidade.

Co afán de contribuír a unha mocidade comprometida, proxéctanse as curtas “Brotes verdes” cas que, ademais de pasar unha tarde divertida, as crianzas aprenderán sobre os riscos da contaminación, mergullaranse en frondosos bosques tropicais e descubrirán o inmenso valor da auga. Esta parada está recomendada a partir dos 7 anos e compite na sección Buxainas. Outra sesión para maiores de 7 anos é “A miña familia e outros animais” na que se explorarán as relacións entre nenos e adultos.

Unha das sesións máis especiais do Cinema Crianza é Metamorfoses, unha parada para maiores de 12 anos ou para adultos que queiran achegarse a conflitos que se rexistran cando se aproxima a adolescencia. Metamorfoses retrata sentimentos e problemas a través de seis curtametraxes que xiran arredor da idade máis transcendental das nosas vidas.

Ademais de curtas, tamén se poderá asistir á proxección de cinco películas: A casa da luz, Dwa Swiaty, (Dous mundos), Auf Augenhöhe (A nivel dos ollos), Ce n’est qu’un debut (Só é o comezo) e Minúsculos: o val das formigas perdidas.

Pódense adquirir entradas desde a propia web do festival. O prezo das sesións varía entre a entrada libre, con necesidade de retirar entrada previamente, e os 2 euros.

www.cinemacrianza.com

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*