O túnel

Curtametraxe realizada a partir do guión gañador do III Concurso de Guións Contra a Violencia de Xénero.

María, unha rapaza anulada polos micromachismos imperantes na sociedade, remata nun tunel cara á morte, froito dunha relación tóxica co seu mozo Juan Pablo.

Esta é a sinopse da historia que relata ‘O túnel’, curtametraxe escrita por Alba Antúnez, Cristina Fernández, Carmela Franco, Jessica Moledo, Lucía Pernas, Noemí Purriños e Román Varela, alumnado do IES Moncho Valcarce d’As Pontes. O guión foi titorizado pola docente Diana Aradas Blanco e gañou o III Concurso de Guións Contra a Violencia de Xénero, organizado en 2016 pola Deputación da Coruña. Área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade. Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes. Sección de Servizos Sociais. Daquela o xurado destacou neste guión: “A proposta orixinal, intelixente que encerra moitas capas. Trata un tipo de violencia “invisible” de baixa intensidade ou tamén denominada “micromachismos” presente na sociedade.

Aproveitamos para revisar o traballo audiovisual froito daquel guión logo de coñecer cal é o guión gañador este ano da IV edición do concurso: “Deámoslles voz”, traballo elaborado por Cristina Orgeira Posse e Amara Fontao Saavedra, do IES Isaac Díaz Pardo de Sada, que contaron coa titorización da docente Marisol Doval. O xurado foi presidido pola responsable da área de Igualdade e Benestar Social, Ánxela Franco e estivo integrado pola representante da Asociación Sociopedagóxica Galega, Carme Vilariño, a traballadora social, Fernanda Soutullo e a auxiliar de cámara, María Isabel Rega. O texto trata dende a mirada dunha moza adolescente a violencia machista que se dá no interior da súa familia e entre unha parella do seu instituto, situación que intentará reverter dándolle voz ás vítimas dos maltratos.

Agardamos daquí a uns meses poder contarvos de novo do traballo cando pase do papel ao vídeo.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*