Premios Xoán Manuel Pintos para Apego, aos docentes Vitoria Ogando e Anxo González Guerra e á Galipedia

Nas súas tres categorías: ao labor nos dous últimos anos; ao traballo de xeito continuado dunha traxectoria vital e profesional e o do público.

O Concello de Pontevedra convoca o premio Xoán Manuel Pintos co fin de facer recoñecemento público ao labor de impulso do uso da lingua galega e, ao mesmo tempo, manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento e un dos pioneiros no compromiso coa defensa da lingua galega.

Na edición 2018 os premiados foron:
O programa Apego: porque consegue sumar a miles de familias para que sexan activas na transmisión da lingua galega desde o berce, como lingua inicial das súas fillas e dos seus fillos.

Vitoria Ogando e Anxo González Guerra. Ambos os dous son profesores de lingua e literatura galega que desenvolveron os seus anos de docencia en Pontevedra, transmitindo a ducias de xeracións de estudantes o seu amor pola lingua e o orgullo de termos lingua, historia e cultura propias. Xuntos crearon materiais para a aprendizaxe da lingua, primeiro en papel e despois desde a Rede como a páxina web ogalego.gal.

Finalmente, a Galipedia, a enciclopedia libre en galego pola súa promoción e normalización da lingua galega, foi merecedora do premio elixido entre as propostas presentadas pola cidadanía.

Os premios entregaranse no transcurso dun acto público o xoves 15 de marzo de 2018, no Pazo de Mugartegui, ás 20.30 horas.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*