Dous milleiros de persoas no sector da atención á discapacidade na procura dun convenio digno e salarios xustos

O comunicado íntegro enviado logo da concentración esta cuarta feira en Compostela:

Coincidindo co Día Mundial do Síndrome de Down, medio cento de delegados e delegadas da CIG-Ensino reclamaron esta cuarta feira en Santiago de Compostela que se inclúan, entre outras, as seguintes propostas na negociación do XV Convenio estatal deste sector: unha suba lineal de 531 euros/ano para os salarios inferiores ao soldo medio galego anual (sobre 17.700€) e dun 3% para o resto nas táboas salariais anuais, así como un acordo plurianual de compensación pola perda acumulada de poder adquisitivo (nun 5,2%) nos últimos anos e a recuperación do complemento de de antigüidade (trienios). Estas demandas, que foron acordadas nas asembleas que se celebraron cos empregados e as empregadas deste sector recollen tamén outras melloras no eido laboral como a redución da xornada a 35 horas semanais nos centros de atención especializada e centros especiais de emprego, igualando a xornada dos centros educativos á do ensino concertado, a eliminación dos descontos en caso de incapacidade temporal por enfermidade común ou accidente non laboral nos tres primeiros meses, o recoñecemento de enfermidades profesionais e a inclusión de novos complementos de penosidade, perigosidade e toxicidade.

A central sindical viuse abocada a esta mobilización despois de que nas tres últimas reunións celebradas no marco da negociación deste convenio non só se constatara inmobilismo por parte da patronal senón incluso certa involución nas súas propostas. No tema salarial, despois de catro anos de conxelación, para este exercicio os representantes das empresas non foron capaces de establecer a canto podía ascender a suba escudándose en que teñen que modificar as “clasificacións profesionais”. En canto á regresión que se denuncia por parte da CIG-Ensino, na última reunión a patronal propuxo recortar os salarios nos contratos en prácticas ao “60%” no primeiro ano e ao “75%” no segundo, no canto do 85% e 95% que había até agora, respectivamente. Ademais a modalidade do contrato de formación pasa de 2 a 3 anos e o 2º e 3º ano só cun 15% do tempo dedicado a formación. Así mesmo eliminan os límites no número de contratacións temporais por empresa (máx. 10% da plantilla), non recollen as indemnizacións deste tipo de contratos de 20 días por ano traballado e tampouco reflexan a obriga de facer revisións médicas cando menos bianuais.

Por outra banda, tamén se negan a modificar a xornada laboral semanal e as vacacións que aparecen no anterior convenio e só aceptan negociar a xornada anual pero sen unha proposta concreta. Así mesmo, tan só están dispostos a asumir algunha mellora nos permisos retribuídos, aínda que moi lonxe da nosa proposta de recuperar os seis días de asuntos propios e o permiso polo tempo necesario para asistir a consultas médicas tanto para o/a propio/a traballador/a, como acompañando a fillos e fillas menores de idade (ou acollidos/as) e familiares dependentes (pola súa idade ou enfermidade). Tamén introducen un novo recorte e involución nos dereitos laborais que precariza máis a xornada, incrementando a bolsa de horas flexibles do 10% ao 15%. E non contentos con iso, crean un novo concepto de emprego destas horas, “utilizalas en sentido inverso”, é dicir, reducir a xornada ou ter un descanso obrigatorio, en momentos de pouco traballo, que se recuperará en picos altos e nun prazo de ata 6 meses do ano seguinte, non pechándoas no ano natural. 
 
Convenio galego
 
En definitiva, coa concentración desta cuarta feira diante da sede dunha das patronais do sector, FADEMGA, a CIG-Ensino quixo poñer de manifesto que os empregados e empregadas destas institucións teñen uns dereitos que se están vendo conculcados continuamente e que a súa precariedade redunda na calidade asistencial que reciben as persoas con discapacidade. “Precisamente no Día Mundial do Síndrome de Down hai que lembrar que a atención ao colectivo de persoas con calquera tipo de discapacidade ten que ser prioritaria en calquera sociedade”, explicou o responsábel de ensino privado da central, Henrique García, á vez que lembrou que deberían ser organismos públicos os que forneceran este servizo esencial. Porén, “mentres continúe a depender de empresas e de fundacións privadas teñen que respectarse os dereitos dos seus empregados e empregadas”, que en Galiza ascenden a arredor de 2.000 persoas, con salarios e condicións de traballo dignas. Henrique García aproveitou tamén esta concentración para esixir que esta negociación debe realizarse no marco dun convenio laboral de ámbito galego e non depender dun convenio estatal porque, ao igual que no resto de sectores, “temos particularidades e un contexto socio-laboral específico que ten que ser abordado entre as empresas e a clase traballadora galega”.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*