Os libros fan grande o máis pequeno

Día Internacional do Libro Infantil.

Desde 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil. Esa Sección elixe un tema e selecciona a un autor ou autora importante do país co fin de que escriba unha mensaxe para os nenos e nenas do mundo, e a un recoñecido ilustrador ou ilustradora para que deseñe un cartel que se difunde en colexios, bibliotecas, a través dos medios de comunicación, etc. Con este motivo organízanse diferentes actividades de animación, encontros con escritores e ilustradores, concursos e outras accións puntuais.

Bibliotecas, librarías e outras entidades que celebran habitualmente esta data mediante a organización de exposicións, encontros con autores/as e ilustradores/as, presentacións de libros, sesións de libro-fórum e actividades de animación á lectura.

Desde o catro Seccións da Organización para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI) e por quinto ano consecutivo solicitouse, principalmente ás librarías e bibliotecas, un esforzo cultural engadido para superar as celebracións realizadas en anos anteriores coa preparación de actos ao redor de Andersen, lecturas continuadas dos seus contos ou dramatizacións das súas obras.

A poeta letoa Inese Zandere é neste 2018 a encargada do manifesto publicado para a conmemoración:

Os libros fan grande o máis pequeno

As persoas tenden ao ritmo e á regularidade, do mesmo xeito que a enerxía magnética organiza as lascas de metal nun experimento de física, do mesmo xeito que unha folerpa crea cristais a partir de auga. Xa sexa nun conto de fadas ou nun poema, ás nenas e aos nenos gústalles a repetición, os refráns e os motivos universais porque poden recoñecerse unha e outra vez; danlle regularidade a un texto. O mundo adquire unha orde preciosa. Aínda me lembro cando de nena loitaba comigo mesma por defender a xustiza e a simetría, a igualdade de dereitos para a esquerda e a dereita: se tamborilaba cos dedos unha melodía sobre a mesa, contaba cantas veces debía golpear con cada dedo para que os demais non se sentisen ofendidos. Adoitaba aplaudir dando unha palmada coa man dereita sobre a esquerda, pero pensei que iso non era xusto e aprendín a facelo ao contrario, coa esquerda sobre a dereita. Por suposto, este afán instintivo de equilibrio resulta gracioso, pero o que mostra é a necesidade de evitar que o mundo chegase a ser asimétrico. Tiña a sensación de ser a única responsable de todo o seu equilibrio.

A inclinación das nenas e os nenos cara aos poemas e ás historias xorde, do mesmo modo, da súa necesidade de levar regularidade ao caos do mundo. Dende a indeterminación todo tende cara a unha orde. As cancións infantís, as cancións populares, os xogos, os contos de fadas, a poesía… son formas de existencia ritmicamente organizadas que axudan aos máis pequenos a estruturar a súa presenza no gran caos. Crean a conciencia instintiva de que a orde no mundo é posible e que todas as persoas teñen un sitio único nel. Todo flúe cara a este obxectivo: a organización rítmica do texto, as series de letras e o deseño da páxina, a impresión do libro como un todo ben estruturado. A grandeza revélase no máis pequeno e dámoslle forma nos libros infantís incluso cando non estamos pensando en Deus ou nos fractais. Un libro infantil é unha forza milagrosa que promove o enorme desexo dos pequenos e a súa capacidade de ser. Promove a súa coraxe para vivir.

Nun libro, os pequenos sempre son grandes, de forma instantánea, e non só cando chegan a adultos. Un libro é un misterio no que se encontra algo que non se buscaba ou que non estaba ao alcance de ninguén. O que non poden comprender as lectoras e os lectores dunha certa idade permanece na súa conciencia como unha pegada e continúa actuando aínda cando non o entendan completamente. Un libro ilustrado pode funcionar como un cofre do tesouro de sabedoría e cultura incluso para os adultos, do mesmo xeito que as nenas e os nenos poden ler un libro destinado a adultos e atopar a súa propia historia, un indicio sobre as súas vidas incipientes. O contexto cultural modela as persoas, establecendo as bases para as impresións que chegarán no futuro, así como para as experiencias máis difíciles ás que terán que sobrevivir sen perder a súa integridade.

Un libro infantil representa o respecto pola grandeza do máis pequeno. Representa un mundo que se crea de novo unha e outra vez, unha seriedade lúdica e preciosa sen a que todo, incluída a literatura infantil, é simplemente un traballo moi pesado e baleiro.

Escrito por Inese Zandere
Traducido por Ana Luna e Antía Marante
Ilustrado por Reinis Pētersons

INESE ZANDERE

Nacida en 1958, Inese Zandere é unha poeta letoa, ademais de escritora, editora de libros e participante activa en programas de promoción da lectura. Aínda que o seu ámbito académico é a filosofía, Zandere escribiu máis de 30 libros para nenos e adultos, algúns dos cales se traduciron ao inglés, alemán, sueco, árabe e estoniano. Nos seus libros, personaxes humorísticos conviven coa seriedade e intensidade da vida, alentando aos mozos lectores a contemplar algún dos aspectos máis difíciles da vida. Os poemas, os contos de fadas, os xogos e a escritura de Zandere serviron de inspiración para a creación de diversas animacións cinematográficas infantís, pezas de teatro eóperas. Grazas aos seus libros, Zandere gañou unha impresionante cantidade de premios literarios: o Latvian Children’s Jury Award, o Annual Latvian Literature Award polo libro infantil máis orixinal, así como o Annual Baltic Sea Region Jānis Baltvilks International Prize in Children’s Literature and Book Art, polo conto de fadas «Sister and Brother» (Māsa un brālis, 2007), que foi incluído na lista de honra IBBY Honor List 2008 European Picture Book Collection II. En 2017, Inese Zandere foi nominada pola IBBY de Letonia para o Hans Christian Andersen Award.

REINIS PĒTERSONS

Nacido en 1981, o primeiro libro ilustrado de Pētersons publicouse en 2007. Dende entón, está recoñecido como un dos ilustradores contemporáneos máis produtivos de Letonia, con máis de 20 libros infantís baixo o brazo. Pētersons non é o típico ou o tradicional ilustrador: o seu innovador e dalgún modo excéntrico estilo artístico desafía as fronteiras tradicionais do xénero. Con especial reparo nos detalles dos personaxes, captura auténticas emocións mediante unha expresiva e ás veces grotesca representación. Se ben Pētersons ofrece un estilo uniforme e recoñecible no seu traballoilustrativo, usando medios tradicionais e dixitais, para el a experimentación artística non é algo descoñecido. En cada proxecto que leva a cabo, traballa para adaptar o seu estilo visual e a paleta de cor ao texto dispoñible, creando unha relación coherente e excitante entre o texto e a imaxe. Reinis Pētersons foi nominado pola IBBY de Letonia para o premio Hans Christian Andersen Award en 2014 e para o premio Astril Lindgren Memorial Award dende o 2013 ata o 2017.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*