“Comer si, tirar non”, fronte ao desperdicio alimentario

Un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano acaban desperdiciados, unha cantidade coa que se podería alimentar a 2.000 millóns de persoas. E de feito, España é o sétimo país da UE que máis comida desperdicia, sendo o fogar, co 42%, o ámbito que contribúe en maior medida a este fenómeno, con graves consecuencias ambientais, económicas, sociais e mesmo morais.

No marco do Día Internacional da Reciclaxe, que se celebrará o próximo 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, lanza unha campaña “Comer si, tirar non”, a través da cal pretende axudar aos cidadáns a reducir o desperdicio alimentario nos fogares.

A iniciativa, que estará en vigor durante todo este mes, suma distintos soportes didácticos e divulgativos cos que se pretende informar, formar e concienciar á poboación en torno á necesidade de diminuír a cantidade de comida que cada día acaba arroxada ao cubo do lixo. O obxectivo é, segundo as metas fixadas a nivel europeo, reducir nun 30% o desperdicio de alimentos no ano 2025 e nun 50% en 2030.

Material didáctico

A Sociedade Galega do Medio Ambiente editou unha guía, en soporte dixital, que remitirá aos concellos galegos, así como aos grupos de interese (asociacións, centros educativos e colectivos sociais) para dar a coñecer un problema con graves consecuencias ambientais, económicas, sociais e mesmo morais.

A campaña inclúe seis microvídeos, unha cuña radiofónica e un xogo en liña para escolares titulado “Nesta casa non se tira nada”, a través do cal os pequenos aprenden a dar unha saída eficiente aos distintos tipos de alimentos en función das súas características, evitando en todo momento que se convertan en residuos.

Un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano (en torno a 1.300 millóns de toneladas anuais) acaban desperdiciados, unha cantidade coa que se podería nutrir a 2.000 millóns de persoas. A nivel europeo, pérdense anualmente 89 millóns de toneladas de alimentos, ou, o que é o mesmo, 179 quilos por habitante, circunstancia que provoca a emisión de 170 millóns de toneladas de CO2 e o uso de 26 millóns de toneladas de recursos. Os expertos apuntan a que, se o desperdicio alimentario fose un país, sería o terceiro maior emisor de GEI (Gases de Efecto Invernadoiro), logo de Estados Unidos e China.

España é o sétimo Estado da UE que máis comida desperdicia, con 7,7 millóns de toneladas, contribuíndo os fogares a este fenómeno cun 42%. Nestes, o 80% dos comestibles refugados, tíranse ao lixo tal e como se compraron e o 20% tralo seu procesado, é dicir, son sobras. De todos os comestibles que se tiran, o 48,1% están conformados por verduras, froitas e pan fresco.

Dez consellos para o máximo aproveitamento

  • Crea un menú semanal e, en función do mesmo, elabora unha lista da compra na que se inclúa unicamente o necesario.
  • Comproba o estado da despensa e a neveira, reordena os produtos para consumir antes aqueles con maior risco de acabar perdéndose e ten presente que os alimentos “feos” teñen as mesmas propiedades nutritivas que os “guapos”.
  • Diferenza entre data de caducidade (momento a partir do cal o alimento pode presentar problemas de seguridade alimentaria e risco para a saúde) e data de consumo preferente (momento a partir do cal o alimento pode sufrir perdas de cualidades tales como textura e sabor, pero sen supoñer ameaza para a saúde).
  • Dá preferencia aos produtos frescos, locais e de tempada. Contribuirás a xerar emprego local e a diminuír as emisións de CO2 derivadas do transporte.
  • Axusta as racións ao número de comensais e, se sobra comida que non vas poder consumir, reparte o stock entre os invitados.
  • Pide as sobras nos restaurantes. Non debes avergoñarte por isto. Trátase de racións que pagas e que che corresponden.
  • Conxela os alimentos antes de que se estraguen e aproveita os sobrantes para elaborar novas receitas gastronómicas.
  • Sé solidario: doa comida en bo estado a bancos de alimentos e organizacións sociais para axudar aos máis necesitados.
  • Se dispós de horta ou xardín, os restos orgánicos non comestibles poden converterse nun abono natural con extraordinarias propiedades para o solo.
  • Recorda: a comida é un ben valioso que non está ao alcance de todo o mundo. Respéctaa, consérvaa e compártea, pero xamais a tires.

Todos os materiais didácticos e divulgativos desta campaña están a disposición dos cidadáns na páxina web da entidade www.sogama.gal, a través da ligazón http://www.sogama.gal/gl/campanha/comer-si-tirar-non

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*