“21 Días co Galego”, sumando esperanzas para mil primaveras máis para a lingua

A Real Academia Galega inaugura os seus Encontros coa xente nova cun recoñecemento a este proxecto do IES da Pobra do Caramiñal e o Colexio Fogar Santa Margarida.

“De non ser por esta experiencia [21 Días co Galego] non me atrevería a falar en galego na casa e cos amigos”, relataba Erea Castelo, alumna do IES da Pobra do Caramiñal, “Antes nunca falaba galego e cando empezamos a actividade, dábame algo de vergonza e de medo falalo ao comezo, pero unha vez rematada a experiencia acabei falando tamén galego na casa”. “Agora no instituto aínda non falo tanto, pero penso que todo chegará”, subliñaba esta alumna da comarca do Barbanza. Foi un dos testemuños que puideron escoitarse esta terza feira no salón de actos da Real Academia Galega. Coa inédita estampa da sala da institución ateigada de rapazas e rapaces convidados a tomar a palabra, a xornada transcorreu cargada de emoción, reflexión e debate acerca da lingua.

Lía Lema, alumna do Colexio Fogar Santa Margarida da Coruña, comezou relatando a súa experiencia hai xa máis dun lustro logo de chegar á cidade desde a súa vila natal de Laxe, apuntando os problemas cos que atopou para manter o galego como a súa lingua habitual. “Creo que a nosa lingua chegou a este punto polos prexuízos (…) Renegando da nosa lingua, renegamos da nosa cultura. Somos o futuro, pero non podemos nós sós, precisamos axuda”, concluíu. Durante tres semanas, o alumnado moitas veces falante habitual en castelán, vive a experiencia de usar o galego no seu día a día e con todo o mundo, perfeccionando a lingua á vez que reflexiona sobre ela, moitas veces de xeito inconsciente a través do diario que van debullando, e analizando os prexuízos propios e da contorna.

Unha iniciativa consolidada logo de cinco anos de éxito
Iniciado hai cinco anos no IES da Pobra do Caramiñal da man da docente Pilar Ponte, 21 Días co Galego conseguiu aumentar o uso da lingua galega por parte de todas as persoas participantes, abriulle as portas á lingua en moitos fogares onde non se usaba e conquistou espazos para o galego en patios e lugares fóra do recinto escolar. “Máis aló de calquera enquisa sociolingüística que fale de porcentaxes arriba ou abaixo, cando falar galego supón un esforzo extra, as medidas de promoción e defensa da lingua deben ser tamén extraordinarias para que a imaxe da mocidade falando galego non sexa só unha ilusión nas mentes de moitos de nós“, expuxo Pilar Ponte, que advirte tamén que “o futuro do galego, se non é neofalante, non é futuro tampouco”.

“Independentemente de que o alumnado falase máis ou menos en galego, con 21 días conseguimos algo, se cadra, máis valioso: aproximar a lingua á vida cotiá dos que a tiñan máis lonxe e reforzar a autoestima dos que a tiñan máis cerca”, destacou Carlos Medrano, profesor no Colexio Fogar de Santa Margarida da Coruña, que da súa man se sumou ao proxecto iniciado no Barbanza. Salientou ademais este docente a súa sorpresa ao comprobar cantas persoas “hai co galego cerca e que só necesitan un pequeno empuxón para empezar a usalo”.

Encontros da RAG coa xente nova
“Con esta iniciativa, a institución pretende achegarse a novos sectores da cidadanía, fundamentalmente xente nova, desde estudantes a profesionais de diversa procedencia, que queiran participar xunto a membros da Academia nun espazo de reflexións e debate sobre o presente e o futuro do idioma”, explicou Víctor F. Freixanes, presidente da RAG.

O coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo, salientou tamén a importancia de que se apoien experiencias como a dos 21 Días polo Galego: “O galego non só necesita de estudos e análises, tamén necesita iniciativas en positivo. Temos que ser capaces de demostrarlle á sociedade galega que somos quen de mellorar a situación do idioma, que somos quen de dar pasos para adiante”.

A iniciativa, que se desenvolverá en distintos lugares de Galicia baixo a coordinación do Seminario de Sociolingüística da institución, elixiu comezar a andaina á vez que lle ofrecía o seu recoñecemento ao proxecto 21 Días co Galego, pensado para persoas que se atopan “nun tramo de idade crucial para o futuro da lingua”, e no que o proceso de substitución lingüística do idioma propio do país polo castelán se acelerou notablemente nos últimos anos: segundo os últimos datos, só o 25 % da poboación de 5 a 14 anos emprega como lingua habitual o galego ou máis galego que castelán.

Intervención de Pilar Ponte

Intervención de Lía Lema

Intervención de Erea Castelo

Resumo audiovisual de 21 Días co Galego (peza elaborada polo alumno Diego Pampín)

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*