Era unha vez…

interior-2-abrilEste é o texto-mensaxe escrito pola escritora brasileira *Luciana Sandroni para este 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil en 2016.

A ilustración é de *Ziraldo

(O texto foi traducido por Sabela González)
Era unha vez unha… Princesa? Non.

Era unha vez unha biblioteca. E era tamén unha vez Luisa, que foi á biblioteca por primeira vez. A nena camiñaba amodo, tirando dunha mochila de rodiñas enorme. Miraba para todo abraiada: andeis e máis andeis cheíños de libros… Mesas, cadeiras, coxíns de cores, debuxos e carteis nas paredes.

–Trouxen unha foto miña –díxolle timidamente á bibliotecaria.
–Moi ben, Luisa! Vou facerche entón a túa tarxeta da biblioteca. Mentres, podes ir escollendo un libro. Podes escoller un para levar para a casa, vale?
–Só un? –preguntou, decepcionada.

De súpeto, soou o teléfono e a bibliotecaria deixou á nena con esa tarefa tan complicada de escoller só un libro de entre aquel mar de libros dos andeis. Luisa camiñou tirando da súa mochila e buscou e buscou ata que atopou o seu favorito: Brancaneves. Era un exemplar de tapa dura cunhas ilustracións preciosas. Co libro na man, volveu tirar da mochila e, xusto cando ía saír, alguén tocoulle no ombro. A nena case cae de cu da sorpresa: era, nada máis e nada menos, que o Gato con Botas, co seu propio libro nas mans ou, máis ben, nas poutas!

–Como está vostede? –preguntou o gato cunha reverencia–. Luisa, non sabes xa todo o que hai que saber desas historias de princesas? Por que non levas o meu libro, O Gato con Botas, que é máis divertido?

Luisa, asombrada, cos ollos estartelados, non sabía que dicir.

–Que ocorre? Comeuche a lingua o gato? –burlouse o gato.
–Es de verdade o Gato con Botas?
–Son eu de verdade! O mesmiño! Veña, logo, lévame para a casa e coñecerás todo sobre a miña historia e a do Marqués de Carabás.

A nena estaba tan atónita que só puido asentir coa cabeza.

O Gato con Botas mergullouse maxicamente de volta no seu libro e, cando Luisa estaba a marchar, sentiu de novo que lle tocaban no ombro. Era ela: “branca coma a neve, meixelas de roseira e cabelos tan negros coma o carbón”. Sabedes quen era?

–Brancaneves! –dixo Luisa, perplexa.
–Luisa, lévame tamén contigo. Este exemplar –dixo, amosándolle o seu libro– é unha adaptación auténtica da historia dos irmáns Grimm.

Cando a nena estaba a piques de cambiar o libro de novo, o Gato con Botas apareceu, moi irritado.

–Brancaneves, Luisa xa se decidiu. Volve onda os teus seis ananos.
–Son sete! E ela aínda non decidiu nada! –exclamou Brancaneves, arroibándose do enfado.

Os dous personaxes ollaron para a nena agardando unha resposta.

–Non sei cal levar. Quero levalos todos…

De súpeto ocorreu algo extraordinario e insospeitado: todos os personaxes comezaron a saír dos seus libros: Cincenta, Carapuchiña Vermella, a Bela Dormente e Rapunzel. Aquelo era todo un equipo de auténticas princesas.

–Luisa, lévame para a túa casa! –rogaron todas elas.
–Eu só preciso unha cama para durmir un chisco –dixo a Bela Dormente, bocexando.
–Só cen aniños, un chisco! –mofouse o Gato.
–Eu podería limparche a casa –falou Cincenta–, pero á noite teño unha festa no castelo do…
–Do Príncipe! –berraron todas.
–Na miña cesta levo torta e viño. Alguén quere? –ofreceu Carapuchiña Vermella.

De seguido, máis e máis personaxes foron aparecendo: o Parrulo Feo, a Vendedora de Mistos e, tamén, o Soldadiño de Chumbo e a Bailarina.

–Luisa, podemos ir contigo? Somos pesonaxes de Andersen –pediu o Parrulo Feo que, en realidade, non era tan feo.
–Vai caloriño na túa casa? –preguntou a Vendedora de Mistos.
–Ouh, se hai unha cheminea, mellor quedamos por aquí… –engadiron o Soldadiño de Chumbo e a Bailarina.
Xusto entón, para sorpresa de todos, apareceu fronte a eles un lobo enorme e peludo, cos dentes afiados. Era o Lobo Feroz!

–Lobo, vaia boca máis grande tes! –dixo Carapuchiña, por costume.
–Eu protexereivos! –falou o Soldadiño de Chumbo, con moito valor.

Foi entón cando o Lobo Feroz abriu a súa enorme boca e… Comeunos a todos? Non! Bocexou do cansado que estaba e dixo, con moita calma:

–Tranquilizádevos todos. Só quería darvos unha idea. Luisa podería levar o libro de Brancaneves e o resto poderiamos ir na súa mochila, é abondo grande para todos nós. A todos os personaxes lles pareceu unha moi boa idea.

–Podemos ir, Luisa? –preguntou a Vendedora de Mistos, que tremía de frío.
–Claro! –dixo ela mentres abría a mochila.

Todos os personaxes puxéronse en fila e comezaron a entrar.

–Primeiro as princesas! –pediu Cincenta.

Ao final, foron aparecendo tamén personaxes do Brasil: Saci, Caipora, unha boneca de trapo que falaba moito, un neno toliño, unha nena cun bolso amarelo, outra coa foto da súa bisavoa pegada ao corpo, un rei pequeno e mandón. Todos e todas entraron. A mochila pesaba máis ca nunca. Os personaxes pesaban moito! Luisa colleu o libro de Brancaneves e a bibliotecaria anotouno na súa tarxeta da biblioteca.

Un anaco despois, a nena chegou á casa moi contenta. A súa nai chamou dende dentro:

–Chegaches, miña rula?
–Si! Chegamos!

 

A AUTORA

*Luciana Sandroni

Nacida en Río de Janeiro, en 1962, é autora de varios libros infantís e xuvenís, como Minhas memórias de Lobato, con ilustracións de Laerte, co que gañou o Premio Jabutí ao mellor libro infantil, o Premio FNLIJ ao mellor mejor libro infantil e que foi nominado para a Lista de Honra do IBBY, ademais de O Mário que não é de Andrade, con ilustracións de Spacca, que foi galardoado co Premio FNLIJ ao mellor libro infantil. No 2010, Luciana participou no libro Peace Story, publicado en Corea do Sur, con ilustracións de Roger Mello.

A súa personaxe máis famosa é Ludi, cuxos primeiros títulos, Ludi vai à praia e Ludi na TV, foron adaptados para o teatro. Outros libros con esta personaxe son: Ludi na Revolta da Vacina (Premio Carioquinha, concedido polo concello de Río de Janeiro), Ludi na chegada e no bota-fora da Familia Real e Ludi e os fantasmas da Biblioteca Nacional. Todos eles recibiron a categoría de moi recomendables pola FNLIJ (Fundação Nacional do Livro Infantil e Juvenil).

 

O ILUSTRADOR

*Ziraldo

Nado en Caratinga en 1932, Minas Gerais, Ziraldo, que vive actualmente en Río de Janeiro, é un ilustrador, deseñador, debuxante e caricaturista político. No 1969 publicou o libro Flicts, que se convertiu nun clásico, e en 1980 lanzou O menino maluquinho, unha obra adaptada ao teatro, televisión e cine e que foi a primeira ópera infantil brasileira. En 2010, Ziraldo foi galardoado co Premio Quevedo, da Universidade de Alcalá. Os seus libros foron traducidos e publicados en toda América Latina e, algúns deles, noutros países, como Xapón e Corea. Ziraldo foi proposto pola FNLIJ (Fundação Nacional do Livro Infantil e Juvenil) en tres ocasións para o Premio Hans Christian Andersen na categoría de escritor.

COMPARTIR

1 COMENTARIO

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*