Que é?
A comezos de 2011 chega á rede Botóns.eu, un espazo de información educativa en internet. Unha revista en liña que ocupará un espazo inexistente ata o de agora na rede galega.
A quen vai dirixida e por que?
A web que agora nace diríxese a toda a comunidade educativa, de xeito moi especial ás familias, e en concreto a nais e pais.
Botóns.eu está aberto a toda a cidadanía interesada en saber máis acerca de como axudar, colaborar, contribuír e mellorar a educación dos cativos.
Quen a promove?
Os promotores desta iniciativa teñen longa experiencia no seguimento de informacións de interese educativo e formación especializada no eido da educación e da comunicación. Entre finais dos 90 e comezos de 2000 promoveron unha iniciativa pioneira: Aula Galega, o primeiro portal galego de educación en internet. A nova publicación que agora sairá á luz é herdeira do espírito innovador que aqueloutro proxecto significou.
Como se desenvolverá este proxecto?
Botóns.eu é unha revista educativa xurdida do ámbito privado. En boa medida, o seu éxito dependerá en primeiro lugar da implicación dos seus lectores, da comunidade educativa, no intercambio de información e experiencias.
A educación é un desafío complexo e fundamental para a sociedade e require do esforzo de todos. O apoio a ferramentas que, coma esta que agora presentamos, axudará a perfeccionar o fluxo informativo en beneficio da educación, é un compromiso esencial para os principais actores sociais.
A educación, un compromiso 24 horas ao día e 365 días ao ano
Con esa vocación de servizo social, Botóns.eu funcionará de xeito continuo a través da rede achegándolle á comunidade educativa galega todo tipo de contidos estábeis. Desde a actualidade máis inmediata coas novidades relacionadas co mundo do ensino a nivel galego, español ou europeo ata as reportaxes e entrevistas máis elaboradas sobre temas de actualidade educativa. Desde o seguimento de foros, eventos ou congresos, peneirando as ideas e reflexións de máis utilidade para as familias ata a atención do día a día da actividade das escolas. Propostas didácticas para o lecer en familia, recomendacións e análisis de expertos pedagogos, literatura de interese para a familia… Suxestións audiovisuais, soporte didáctico para diferentes iniciativas de lecer, etc.
Podes contactarnos na caixa de correo botons@botons.eu (Coordinador: Roberto Noguerol)
(Ampliación en breve)