Quen somos?

Que é?

Entre finais dos 90 e comezos de 2000 promovemos na internet galega unha iniciativa pioneira: Aula Galega, o primeiro portal galego de educación en internet. Botóns é herdeira do espírito innovador que aqueloutro proxecto significou. A comezos de 2011 chega á rede www.botons.eu, un espazo de información educativa en internet. Unha revista en liña que ocupa un espazo inexistente ata o de agora na rede galega.

A quen vai dirixida e por que?

A web que agora nace diríxese a toda a comunidade educativa, de xeito moi especial ás familias, e en concreto a nais e pais.

Botóns.eu está aberto a toda a cidadanía interesada en saber máis acerca de como axudar, colaborar, contribuír e mellorar a educación dos cativos.

Quen a promove?

Malia os problemas para a supervivencia do proxecto, na actualidade Botóns permanece na rede grazas ao apoio e recursos que lle proporciona a empresa Ronsel de Ideas.

Como se desenvolverá este proxecto?

Botóns.eu é unha revista educativa xurdida do ámbito privado. En boa medida, o seu éxito dependerá en primeiro lugar da implicación dos seus lectores, da comunidade educativa, no intercambio de información e experiencias.

A educación é un desafío complexo e fundamental para a sociedade e require do esforzo de todos. O apoio a ferramentas que, coma esta que agora presentamos, axudará a perfeccionar o fluxo informativo en beneficio da educación, é un compromiso esencial para os principais actores sociais.

A educación, un compromiso 24 horas ao día e 365 días ao ano

Con esa vocación de servizo social, Botóns.eu quere achegarlle á comunidade educativa galega todo tipo de contidos estábeis. Somos conscientes das limitacións de todo proxecto que nace na rede e que só pode medrar e desenvolverse se dispón dos recursos e apoio necesarios. O obxectivo sempre foi cubrir desde a actualidade máis inmediata coas novidades relacionadas co mundo do ensino a nivel galego, español ou europeo ata as reportaxes e entrevistas máis elaboradas sobre temas de actualidade educativa. Desde o seguimento de foros, eventos ou congresos, peneirando as ideas e reflexións de máis utilidade para as familias ata a atención do día a día da actividade das escolas. Propostas didácticas para o lecer en familia, recomendacións e análisis de expertos pedagogos, literatura de interese para a familia… Suxestións audiovisuais, soporte didáctico para diferentes iniciativas de lecer, etc. “Para educar a un neno, é necesaria a tribo enteira”. A educación é un compromiso no que toda a sociedade debe implicarse: nós achegamos aquí a nosa modesta faragulla.

Para máis información podes contactarnos na caixa de correo contacto@botons.eu

*O portal bota man de imaxes proporcionadas polas propias fontes informativas ou bancos de imaxes de uso libre. Se creses que eventualmente algún contido ou imaxe fose subida por erro e/ou infrinxise algunha licenza de uso, por favor, ponte en contacto con nós.