“Humildade” felicita o 2011 no Aquarium coruñés

Unha escultura obra do artista Nando Lestón, argallada a partir de refugallos traídos polo mar.

Os Museos Científicos Coruñeses (Concellaría de Cultura) presentan, no Aquarium Finisterrae , a escultura “Humildade”, obra do artista Nando Lestón.

A escultura, un cilindro duns tres metros de altura, estará ubicada nunha terraza exterior do Aquarium Finisterrae. A obra vén ser un “faro de nasas”, un humilde faro nocturno, cómplice do grande e veciño faro da Torre de Hércules.
A instalación da escultura permite aos Museos Científicos Coruñeses felicitar aos seus visitantes a fin do ano 2010 e a chegada do 2011.

«Cando estaba traballando nos refugallos que traía o mar, emerxeron as anacaradas formas das cunchas e a quente suavidade das táboas, nas derivas da marea.

Anacos de nasas, medio afundidas na area despois dun temporal, pasaron a formar parte da paisaxe nas mañáns do meu taller. Desexaba erguerme para tocar, ou máis ben acariñar, aquelas “crebas” preñadas da salitre. Duras e un pouco reviradas polos envites das ondas.

Teimei sen darme conta, na nasa coma unha gaiola.Un algo atrapapeixes, unha “trampa”…e arrimei por vez primeira esta “arte” a pequenas composicións.

Deixa de ser oficio e pasa a ser unha forma pensada e despois intuída, cromática, leve.

Emerxiu entón a forma dun faro. Un faro nouturno, feito de ceo estrelado, fincado no mar, un cilindro etéreo. Guiador nas noites escuras. Humilde.

Converteuse a trampa, arrepentida, en pastor de mariñeiros»

Máis información: Museos Científicos Coruñeses

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*