Ponte nas Ondas 2011: as bibliotecas vivas

Ponte nas Ondas 2011: as bibliotecas vivasA Biblioteca Viva (BV) é un proxecto educativo e cultural que pretende achegar coñecementos ás persoas dun xeito ameno, directo e participativo.

Unha Biblioteca Viva (Living Library) é unha biblioteca na que os libros son persoas. Persoas con singulares historias de vida ou que posúen determinados coñecementos e que difunden a súa experiencia a través da interacción, a entrevista e o diálogo cos usuarios/as. Para ser un libro non cómpre ser unha eminencia ou recoñecido estudoso, senón contar con experiencia vital ou saberes cos que poder ilustrar a outras persoas que descoñecen e teñen curiosidade. Todos somos potenciais Libros e Lectores.

A Biblioteca Viva (BV) é un proxecto educativo e cultural que pretende achegar coñecementos ás persoas dun xeito ameno, directo e participativo. É un proxecto de dinamización do coñecemento que convida a indagar e a descubrir aspectos novidosos sobre o tema axudando a combater o descoñecemento, a ignorancia, os prexuízos e os estereotipos dunha maneira activa e vivenciada.

Celebrada por primeira vez en Dinamarca no ano 2000 e promovida dende o 2001 polo Consello de Europa como ferramenta de educación intercultural, a celebración de Bibliotecas Vivas é un fenómeno que comeza a espallarse polo mundo.
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! ve nesta iniciativa un xeito útil e novedoso de continuar coas súas propostas de recollida e divulgación do Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués. A nosa asociación ten realizado con anterioridade neste eido un labor de recoñecemento das persoas  portadoras do patrimonio cultural galego-portugués a través de diversas iniciativas, como o proposta de creación do sistema dos Tesouros Vivos.

Agora, queremos proporvos a realización da primeira BIBLIOTECA VIVA do patrimonio cultural galego-portugués.
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! convoca:
 
1 – XVII XORNADA MULTIMEDIA PONTE…NAS ONDAS! 
Lema: “Libros vivos”
Trátase de que cada centro aporte un  ( ou varios ) LIBRO VIVO, co seu título e coas páxinas sonoras e visuais para que se poida divulgar na Biblioteca Virtual no que se vai converter a programación da XVII edición de Ponte…nas ondas! e que estará aberta a todo mundo.
Este tema dá continuidade ás propostas realizadas nas anteriores edicións   ( XV edición : O PATRIMONIO DOS TESOUROS VIVOS e XVI edición : O TESOURO DOS AVÓS ) procurando poñer en valor a cultura común galego-portuguesa.
Convidamos aos centros educativos a realizar unha produción audiovisual, quer en formato radio quer en vídeo, sobre o tema proposto para esta edición: AS BIBLIOTECAS VIVAS.
 
2 –  V CERTAME DE RECOLLA DO PATRIMONIO ORAL
Lema:”As bibliotecas vivas:historias de vida”
Seguindo coas características fundamentais que o certame vén mantendo dende os seus comezos, queremos propor aos centros escolares galegos e portugueses seguir afondando no descubrimento e divulgación dos feitos máis importantes do noso patrimonio a través dos seus portadores, verdadeiros Tesouros Vivos, e converter en Bibliotecas Vivas as súas historias de vida e de coñecemento do noso patrimonio.
Dentro do ámbito escolar, utilizando a metodoloxía da etnografía, pretendemos que  acheguedes a análise das historias de vida dos nosos portadores en distintos contextos sociais e históricos, reflexionando na  relación existente entre a memoria individual e a colectiva, estratexias a seguir nunha investigación de equipo e os diferentes modos de acceso á memoria así como da influencia dos modelos culturais nese “contar a vida”.
Proximamente remitirémosvos as bases completas deste certame aínda que xa podemos adiantarvos que haberá importantes premios para os gañadores de cada categoría (primaria,secundaria,bacharelato, profesional e universitario).
Convidamos a todos os centros a que participedes nas dúas convocatorias xa que son perfectamente complementarias, e pódese  aproveitar o mesmo material adaptándoo aos requerimentos de cada unha delas.
 
O calendario para participar será o seguinte:
Inscrición: O prazo para inscribirse nunha ou nas dúas  convocatorias rematará o día 29 de xaneiro de 2011. Para efectualo haberá que enviar debidamente cumprimentada a ficha correspondente á actividade na que se quere participar ou as dúas no caso de querer participar en ambas.  As fichas deberán remitirse debidamente cumprimentadas ao seguinte enderezo: ondas@pontenasondas.org Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Ficha inscrición XVII Xornada Multimedia (.PDF)
Ficha inscrición V Certame Recolla (.PDF)

XVII Xornada Multimedia Ponte…nas ondas! o prazo de recepción dos programas rematará o día 29 de abril de 2011 xa que unha vez que está no noso poder require un gran traballo de postprodución para preparar a emisión de todos os traballos que terá lugar o día 3 de xuño.
V Certame de Recolla do Patrimonio o prazo de recepción dos traballos rematará o día 27 de maio de 2011. O resultado do V Certame darase a coñecer en setembro de 2011.

1 COMENTARIO

Deixa una resposta a Cartaz de Ponte nas Ondas | Botóns Cancelar resposta

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*