Un proxecto que, expoñen os promotores, demostra os bos resultados da vontade de traballar en equipo. Alumnos de varios centros escolares en diversas xeografías da Unión Europea e de distintos cursos botan adiante un cómic dispoñible en sete idiomas. Entre os colexios participantes está o IES San Clemente de Santiago de Compostela.
Cada unha das escolas deulle vida ás aventuras da pulga no seu país, creando así toda unha aventura para ‘Pek, a pulga viaxeira’ a través de toda Europa.
Velaí os pasos:
1)En cada escola, o alumnado participante escribiu o guión en inglés coas aventuras de Pek na súa propia cidade
2)A continuación debuxaron en tinta negra a aventura guionizada
3)Colorearon as imaxes usando ferramentas informáticas (en concreto o editor gratuíto Gimp)
4)Cada escola encargouse da tradución dos guións do resto das escolas á súa propia lingua
5)Maquetouse a historia en banda deseñada usando a ferramenta informática, tamén gratuíta, Scribus
Os promotores desta iniciativa salientan varios logros:
- O traballo en equipo
- A aprendizaxe do uso de ferramentas TIC
- A percepción da pluralidade europea
- A comunicación nunha Europa multilingüe
Na rede pode descargarse ou ler en liña este cómic en todas as súas versións.
Para quen queira tomar a actividade como modelo para outras iniciativas, tamén velaquí un guieiro de instrucións.