aCentral Folque

aCentral Folque - centro galego de música popularMoito máis que unha escola de música. Coñece este centro galego de música popular.

O extraordinario equipo dirixido por Ugía Pedreira expón a través da súa web que aCentral Folque é un proxecto fundamentado “no estudo, promoción e divulgación da música galega cun enfoque aberto, global e contemporáneo”.

aCentral Folque recolle a experiencia da traxectoria durante sete anos do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, tempo no que se consolidou como centro de referencia internacional atraendo alumnado de todo o mundo. Malia a carencia dunha titulación oficial para este tipo de ensinanza, a Central Folque aposta pola profesionalización do seu alumnado na súa orientación e plan de estudos. Nesa liña ten estreita relación con centros análogos coma o CAT (Cataluña), Dastum (Bretaña), Kodaly (Hungría), D’Orfeu (Portugal), Instituto Superior de Arte (Cuba).

O resultado non é só un centro de estudo, mais tamén un espazo de encontro para a relación social e profesional de calquera persoa interesada na música galega.

aCentral Folque ofrece unha formación integral. O alumnado, eixo motor do ensino, conta coa experiencia profesional do equipo docente integrada por un elenco de destacados músicos profesionais no ámbito da música popular galega. As actividades complementarias -cursos intensivos, excursións musicais, intercambios, producións discográficas e escénicas, valorización do patrimonio inmaterial, etc- ofrecen un apoio indispensábel á súa formación.

O obxectivo final do ensino será que calquera estudante sexa quen de desenvolver unha carreira profesional no eido da música se así o quixese.

O plano curricular de centro e de aula, únicos en Galiza para a música popular, fundaméntanse na formación en diferentes eidos: linguaxe musical, instrumento, historia, interpretación colectiva (combos), improvisación,… Compleméntanse cos cursos monográficos de formación permanente -sobre outras músicas, artesanía instrumental, técnicas vocais modernas, danza, expresión corporal,…- para acadar que o alumno non sinta a aprendizaxe da música tradicional coma un feito illado senón contextualizado e en relación con outras artes. Deste xeito, aCentral Folque aporta unha experiencia educativa interdisciplinar.

Así mesmo, aCentral Folque organiza actividades que unen a dimensión pedagóxica coa escénica nos Encontros Internacionais: de Acordeón Diatónico -Ponteceso-, Zanfona Contemporánea -Narón- e Pandeiros de Mao -Pontevedra- apostando pola descentralización xeográfica.

aCentral Folque tamén impulsa, en colaboración con institucións públicas e privadas, a realización de series temáticas de concertos coma o Ciclo de Músicas Portuarias -Ferrol-, a publicación de estudos de investigación musicolóxica (Etnofolk, revista Murguía) ou a edición discográfica e audiovisual.

Recomendámosche navegar a web Folque.com.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*