A Asociación de Alérxicos a Alimentos e Látex advirte que o 20% das reaccións alérxicas á comida nos nenos acontecen nos colexios.
Non foi ata 2010 cando se fixo obrigatorio ofrecer nos centros escolares unha dieta adaptada aos nenos que tivesen problema con certos alimentos. Se ben é certo que moitos centros xa respondían a esa demanda, foi nese ano cando nun acordo a nivel estatal os departamentos de educación de todas as comunidades autónomas se comprometeron a adaptar os seus menús.
Isto é así malia que a estatística reflicte que ata un 8% da comunidade escolar ten problemas relacionados con alerxias a algún tipo de alimento, segundo expoñen desde a Asociación de Alérxicos a Alimentos e Látex.
Este colectivo avalía que ata o 20% das reaccións alérxicas a alimentos rexistradas por un menor teñen lugar nas escolas. Nese sentido, propoñen que ben o profesorado ou ben o persoal dos centros encargado dos comedores, debera recibir formación específica para saber actuar diante destes sucesos que, ás veces, poden ser de elevada gravidade. Leite e ovo son as alerxias máis comúns.
Un dos poucos programas que en todo o Estado existe desde a administración neste eido funciona xustamente en Galicia. A iniciativa ‘Alerta Escolar’ está coordinada pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, e ten 1.170 nenos inscritos neste curso. O programa fornece de atención sanitaria non só a alumnado con problemas de reaccións alérxicas senón a escolares con outro tipo de patoloxías crónicas, como é o caso da diabete ou a epilepsia.
Dos cativos rexistros no programa ‘Alerta Escolar’, o 38 por cento son diabéticos, o 22 por cento teñen epilepsia, o 11 por cento sofren diabete e o 29 por cento inclúe, entre outros, as alerxias. Durante o pasado curso, este servizo de urxencias recibiu 228 solicitudes de atención no horario escolar.
Adxunto, o documento Protocolo de actuación ante unha reacción alérxica na escola (.pdf)