Alerxia e intolerancia ás proteínas do leite de vaca


Que é a alerxia ás proteínas do leite de vaca? Como debemos actuar?

Que é?
Estamos diante dunha reacción do sistema inmunitario da persoa afectada que, por erro, actívase ao contacto coas proteínas do leite de vaca. Non debemos confundir este problema de saúde coa intolerancia á lactosa, na que o compoñente do leite implicado non son as proteínas senón o seu azucre natural (a lactosa), e que se atopa en todo tipo de leite ademais do de vaca.

É habitual que se fale indistintamente de alerxia ou intolerancia e, de feito, non hai un consenso claro de cando usar un termo ou outro.

Habitualmente a alerxia refírese a un tipo de reacción inmunitaria típica que aparace poucos minutos despois do contacto co leite, mentres que intolerancia é un termo máis amplo que pode ter distintas orixes e os seus síntomas son máis variados.Estamos diante da alerxia alimentaria máis frecuente nos primeiros meses de vida.

Causas
Existen múltiples proteínas no leite de vaca capaces de desencadear alerxia, como a caseína ou a proteína do soro. Os nenos que sofren outros problemas alérxicos, como a dermatite atópica, ou os que teñen irmáns ou pais con antecedentes de alerxia, teñen máis risco de desenvolver alerxias alimentarias. Tamén se ven favorecidas se hai algún factor que altera a superficie do intestino permitindo que as proteínas a atravesen con máis facilidade, como no caso dos prematuros ou cando se dá unha gastroenterite.

É habitual que a alerxia apareza despois de que o neno comece a recibir lactancia artificial, xa que as fórmulas adaptadas fabrícanse a partir de leite de vaca. Aínda que é moi pouco frecuente, hai casos de lactantes que reciben exclusivamente o leite materno e se sensibilizan a partir das proteínas dos lácteos que consome a nai, que pode pasar en pequenas cantidades ao seu leite.

Síntomas
As alerxias e intolerancias alimentarias poden dar síntomas moi diversos. Nas alerxias típicas, é normal aprezar unha reacción na pel (urticaria) poucos minutos despois do contacto co leite. As formas máis intensas (anafilaxia) afectan a varios órganos e poden ser moi perigosas.
As alerxias tamén poden manifestarse con síntomas dixestivos, como diarrea ou vómitos, que aparecen pouco despois das tomas.

Outras veces os síntomas aparecen dunha maneira máis lenta e mantida no tempo, sen relación directa coas tomas, con dor abdominal e irratibilidade, mala ganancia de peso, diarrea prolongada, asma ou dermatite atópica.

Diagnóstico
Cando hai a sospeita dunha alerxia típica, por aparecer os síntomas característicos en clara relación coa introdución do leite artificial na dieta, indícanse probas alérxicas para confirmaren o diagnóstico. Ademais, debido á posibilidade de que apareza unha reacción alérxica máis grave, recéitase a substitución de leite de vaca por un leite especial ata que o diagnóstico sexa claro.

As probas alérxicas son de dous tipos: probas cutáneas e análises de sangue. As probas cutáneas máis empregadas son o ‘prick test’. Nesta aplícase sobre a pel do antebrazo unhas pingas que conteñen extractos de distintas proteínas de leite de vaca para observar se aparece algunha reacción nesa zona da pel, que indicaría a sensibilización a esa proteína. Coas analíticas sanguíneas pode detectarse a presenza de anticorpos fronte a esas mesmas proteínas (inmunoglobina E específica), cun significado moi parecido ao das probas cutáneas.

Tanto as probas cutáneas como as de sangue poden fallar, polo que deben interpretarse en función do grao de sospeita inicial. Ademais, existen alerxias e intolerancias por mecanismos diferentes que non se poden detectar coas probas alérxicas. Por iso, en moitas ocasións é preciso facer unha probas de provocación para confirmar o diagnóstico. A proba de provocación consiste en administrar varias tomas de leite (comezando por cantidades moi pequenas) para comprobar se se reproducen os síntomas. É moi recomendable que esta proba se faga baixo control médico, xa que existe un risco (moi baixo pero posible) de que se desencadee unha reacción alérxica grave. Nalgúns casos, cando os síntomas de sospeita foron leves e de aparición tardía, a proba de provocación pode facerse na casa familiar.

Coidados
A base dos coidados nunha alerxia a proteínas do leite de vaca é excluír da dieta do alérxico todo tipo de lácteos. Estas diteas precisan dun seguimento médico para comprobar que se reciben achegas adecuadas de nutrintes.

Os bebés que aínda reciben lactancia materna e comezaron cos síntomas ao introduciren algunha toma de leite artificial, é preferible que volvan recibir unicamente o peito. En principio non é preciso que a nai faga tamén esa dieta, a non ser que se observe que os síntomas aparecen tamén ao tomar o peito, porque nese caso pode que estean pasando proteínas de leite de vaca a través do leite materno.

Nos lactantes que están a tomar leites artificiais débese substituír a fórmula adaptada normal por unha fórmula especial. O máis frecuente é empregar fórmulas extensamente hidrolizadas, nas que as proteínas están fragmentadas en anacos pequenos abondo para que non sexan recoñecidas polo sistema inmunitario. Este leites teñen un olor e un sabor moi fortes, aínda que os nenos alérxicos acostúmanse axiña a eles. Outra opción é empregar fórmulas elaboradas con proteína de solla, agás nos nenos cun intestino que se atopa moi afectado.

Nos nenos que xa raciben outro tipo de alimentación máis variada debe terse en conta que, ademais de todo tipo de lácteos elaborados con leite de vaca (iogures, queixos, etc.) moitos alimentos elaborados poden conter leite, polo que é preciso revisar ben a súa composición.

No que respecta ao leite doutros mamíferos (cabra, ovella, burra) existe un risco aprezable de que tamén desencadeen reaccións alérxicas nestes nenos, o que se coñece como reacción cruzada, por tratarse de proteínas bastante similares. Por isto, non se recomendan habitualmente e, por precaución, é convinte consultar en cada caso se merece a pena realizar unha proba de tolerancia. Tamén hai que ter precaución cando se consome carne de vacún xa que, aínda que a maior parte das veces son ben toleradas, algúns nenos alérxicos ao leite de vaca tamén teñen síntomas ao tomaren a súa carne.

Por outro lado, para os nenos que tiveron algunha reacción alérxica grave pode ser recomendable que a súa familia dispoña dun autoinxector de adrenalina, un dispositivo que permite en caso de urxencia administrar a medicación necesaria para tratar as reaccións anafilácticas.

Evolución
Na maioría dos nenos a alerxia ás proteínas de leite de vaca é un fenómeno transitorio. Aos cinco anos de idade, máis do 80% dos afectados con alerxia típica xa toleran ben os lácteos. No caso das intolerancias con probas alérxicas negativas o prognóstico aínda é mellor.

A complicación máis preocupante é a aparición dunha reacción anafiláctica grave, algo pouco frecuente pero posible nos nenos con alerxias típicas. Por isto, é importante levar un dieta sen lácteos o máis estricta posible.
Nos nenos nos que a alerxia persiste máis aló dos primeiros anos, están comezando a se probar tratamentos para inducir a tolerancia ao leite administrando de maneira progresiva cantidades maiores de leite. Non obstante, é unha técnica na que existe aínda pouca experiencia e que ten riscos, polo que o seu uso aínda non está moi espallado.

Prevención
A medida máis importante para previr esta alerxia é que o neno reciba lactancia materna exclusiva os primeiros meses de vida. En nenos que reciben lactancia materna debe evitarse o uso de biberóns “de axuda” os primeiros días de vida, a non ser que sexa estritamente necesario.

Os nenos que xa teñen unha alerxia alimentaria teñen máis risco de presentar posteriormente alerxias a outros alimentos. Por iso, recoméndase que cando se dean por vez primeira certos alimentos (ovo, peixe, froitos secos, fresa, etc.) se faga en pequena cantidade e de un en un, vixiando a aparición de reacción sospeitosas. O que non resulta útil é atrasar moito tempo a introdución destes alimientos, xa que o risco de aparición de novas alerxias non diminúe.

Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*