Lugar: Fundación – Museo Granell (Santiago de Compostela)
Datas: 2 de marzo de 2011 – 26 de marzo de 2011
Horario: Martes a sábado: 11.00 a 14.00 e 16.00 a 21.00 h.
Domingo: 11.00 a 14.00
Luns e festivos: Pechado
En Dinamarca publícanse ao redor de 2000 títulos de literatura infantil ao ano e unha alta porcentaxe destes libros reflicten “o concepto que temos en Dinamarca do neno como un ser competente, con capacidade para pensar en por si e coa necesidade de contar con manifestacións artísticas e culturais de calidade producidas específicamente para el”. Así o explican na presentación da mostra ‘Álbum Ilustrado Danés’, organizada polo Consello das Artes de Dinamarca e a Embaixada de Dinamarca, e deseñada polo estudo danés NR2154. “Estes libros son transgresores na linguaxe e nas ilustracións, no contido e na composición, así como nos temas que tratan e nos personaxes non-idealizados cunha psicoloxía complexa que retratan”, indican ao fío da exposición que desde esta semana poderá verse na Fundación – Museo Granell.
Con esta mostra pretenden dar a coñecer a tradición, a evolución e o renacemento do álbum ilustrado en Dinamarca. As 30 obras, ás que pertencen as ilustracións expostas, constitúen unha selección dos mellores álbums ilustrados da literatura infantil de Dinamarca e ofrece ao visitante un panorama desde os anos 40 até a actualidade.
A comisaria da exposición, Ainara Bezanilla, impartirá as charlas para profesionais, “Hay Roupa Tendida”. Haberá tamén obradoiros para escolares, estudantes de arte e familias. As actividades son gratuítas e proporciónase o material necesario.