Libro póstumo de Pablo Prestifilippo que evocará no lector o humor surrealista, a imaxinación rebordante e a inesgotable fantasía do autor de “Manual de calcetíns salvaxes” e “Instrucións para espertar a unha cadeira durmida”.
O profesor Aristítoles (Tito para os amigos) unha noite viu na televisión un programa «científico» no que aparecía un señor que tiña na parede da súa casa unha mancha de humidade co retrato dun xogador de fútbol, logo apareceu unha señora dicindo que convivía coa pantasma do pirata Barbanegra e por último falou unha familia que afirmaba soportar todas as noites o espírito do avó a cantar rancheiras. «A todos estes fenómenos pódeselles dar unha explicación científica», berrou irado o profesor. Para dar cabo a tanta fábula e enganos o profesor Aristítoles (Tito para os amigos), realizou unha expedición polo interior da súa casa que durou dous anos.
En “Catálogo de obxectos rebuldeiros”, editado por Factoría K, Prestifilippo quería expór o seu particular universo de instrumentos e utensilios cos que compartía o seu tempo; elementos que ás demais persoas lles pasarían desapercibidos pero que, na súa imaxinación, tiñan outra faceta máis divertida: escaleiras de caracol e luvas (bechos nómades); cadeiras e camas (bechos das cortes); xabóns, esponxas e billas (bechos acuáticos); reloxos de area e calcetíns (bechos territoriais); dentaduras postizas e espellos (bechos desarraigados); panos (becho á parte).
PABLO PRESTIFILIPPO (Bos Aires, 1960 – Barcelona, 2008)
Estudou Comunicación Social en Arxentina e traballou durante varios anos en axencias de publicidade. Tamén realizou ilustracións para revistas como Noticias, Play Boy, Greca ou Cosmopolitan. En 1993 publicou en Arxentina o seu primeiro traballo de ilustración infantil, especialidade á que se adicou en exclusiva. Traballou para editoriais como Edebé, SM, Everest, Gaviota e Kalandraka.