“A educación é unha gran forza de paz, pero tamén pode ser un vector de guerra”

Os conflitos teñen consecuencias desastrosas para os sistemas educativosOs nenos e os sistemas educativos encóntranse a miúdo na liña de lume dos conflitos violentos. O Informe de Seguimento da Educación para Todos no Mundo de 2011, titulado Una crise encuberta: Conflitos armados e educación, presentado o 1 de marzo, examina as nocivas consecuencias dos conflitos para a consecución das metas da educación. O boletín EduInfo da UNESCO conversou co seu director, Kevin Watkins.

Por que o Informe de Seguimento da Educación para Todos no Mundo de 2011 centra a súa atención nos conflitos armados?

Os conflitos privan millóns de nenos da instrución escolar que podería sacalos da pobreza. Son un obstáculo considerable para a EPT, en particular nos 35 países que os padeceron no decenio que concluíu en 2008, a maioría dos cales son países de baixos ingresos ou están no grupo inferior dos de ingreso medio.

A educación é unha gran forza de paz, pero nós sabemos que pode ser tamén un vector de guerra. Os sistemas educativos poden encirrar as tensións e os prexuízos. Cando un conflito remata, é importante velar por que os plans de estudo e os manuais escolares tomen nota dos agravios que poderían reavivar as chamas da contenda.

Que repercusións poden ter os conflitos sobre os sistemas educativos?

Os conflitos teñen consecuencias desastrosas para os sistemas educativos. Os países pobres afectados por conflitos teñen as taxas máis baixas de alfabetización, as maiores desigualdades de xénero e o 42% de todos os nenos sen escolarizar que hai no mundo.

As escolas, os estudantes e os docentes adoitan ser atacados deliberadamente e non só quedan “atrapados no lume cruzado”. Esta é a “crise encuberta” á que se refire o título do Informe.

Dous terzos das persoas desprazadas polos conflitos teñen menos de 18 anos de idade e afrontan enormes obstáculos para obter instrución. En última instancia, os conflitos lesionan a educación ao destruír as economías, aumentar a pobreza e desviar os fondos públicos do ensino cara aos gastos militares.

Que poden facer os gobernos e os doadores de axuda?

Os gobernos deben protexer os escolares que se encontran na fronte de batalla. Deben protexer as escolas da violencia e os abusos que están a danar o labor educativo. E onde os gobernos carecen da capacidade ou da vontade de actuar, a comunidade internacional debería tomar o relevo.

Ademais, despois dun conflito, os gobernos poden actuar rapidamente para reconstruír o sistema educativo -con medidas como a supresión das taxas escolares, a construción de escolas, a contratación e formación de docentes e a creación de sistemas de xestión a longo prazo. Só o 2% da axuda que os doadores achegan se destina á educación. Os doadores deberían repartir os riscos e reducir os custos, de modo que os nenos afectados polos conflitos teñan máis posibilidades de asistir á escola.

Que función deben desempeñar a comunidade internacional e o sistema das Nacións Unidas?

A comunidade internacional ten que poñer fin á tradición de impunidade que rodea ás violacións e outras formas de abuso sexual, que causan enormes danos ao labor educativo. No Informe pídese a creación dunha comisión internacional sobre a violación e a violencia sexual, co apoio do Tribunal Penal Internacional. Tamén é preciso que a comunidade realice esforzos máis enérxicos para apoiar a función da educación na construción da paz, mediante o Fondo de Consolidación da Paz e as demais organizacións, entre elas a UNESCO.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*