Correlingua e Cantalingua

Ás portas do mes das letras, quecemos pernas para a festa da lingua que comeza en Compostela o vindeiro 2 de maio.

O Correlingua bótase á rúa a partir do próximo 2 de maio, día que será a estrea en Compostela. De aí para adiante serán algo máis dunha ducia de convocatorias por todo o país, cidades e vilas, deste evento creado para a dinamización lingüística da mocidade. E non perdades tampouco o manifesto: logo do certame convocado nas aulas, resultou gañadora a peza Palabra de Lebre, unha xeitosa creación obra do alumnado de 2º ESO do IES Agra de Leborís (A Laracha).

Axiña!,falade galego,
non só do grelo
e do labrego, SEMPRE!
veña colega, EMPEZA!
ou se prefires, BERRA!

Esta iniciativa lúdico-educativa mobiliza cada ano milleiros de rapaces en toda Galicia, a través dun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego. Promoven o proxecto a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, a Mesa pola normalización Lingüística, os Equipos de Normalización Lingüística e os concellos de Compostela, Lugo, Pontevedra e Vigo. Como subliñan os organizadores, “tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro”. Son xa unha ducia de edicións desta cita consolidada no calendario escolar.

Cantalingua
Ademais, desta volta temos unha nova edición do Cantalingua, o concurso musical creado e promovido polas mesmas entidades promotoras do Correlingua. Participan nela un feixe de grupos e solistas, de todos os estilos musicais, con composicións realizadas en galego. Os gañadores actuarán en cada unha das citas do Correlingua entre o 2 e o 13 de maio.

Nesta ocasión, o xurado está integrado por alumnas e alumnos do IES de Arzúa e algúns dos seus mestres que tamén coordinarán as votacións xunto a responsábeis do Correlingua. Os temas gañadores coñeceranse o 26 de abril.

Podedes escoitar todas as pezas participantes en Cantalingua no espazo web de Komunikando.net

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*