A relación de escritores, filósofos e artistas cos seus espazos de creación. Exposición na Fundación Luís Seoane.
A relación dos escritores, filósofos e artistas cos seus espazos de creación sempre fascinou aos estudosos da literatura e a estética, sobre todo se temos en conta que o lugar onde se escribe unha obra inflúe significativamente no ritmo, a estrutura e o contido da mesma.
Partindo desta base nace a exposición Cabanas para pensar, un proxecto de Eduardo Outeiro comisariado por Alfredo Olmedo e Alberto Ruiz de Samaniego.
A través das cabanas de once creadores fundamentais da modernidade, desenvólvese unha investigación que afonda e pon de manifesto a importancia da organización do espazo de pensamento no acto de creación. Neste caso, o contorno en cuestión escollido por todos eles redúcese (en aparencia soamente) á mínima expresión arquitectónica, inmersa na maioría dos casos nunha natureza, ás veces exuberante, outras agreste e minimalista.
A exposición propón un estudo da relación existente entre a intimidade escollida conscientemente e o proceso creativo por parte dos filósofos Ludwig Wittgenstein e Martin Heidegger, os compositores Edvard Grieg e Gustav Mahler, o dramaturgo August Strindberg, os escritores Knut Hamsun, George Bernard Shaw e Virginia Woolf, o poeta Dylan Thomas, o cineasta Derek Jarman, e, por último, o explorador e escritor Thomas Edward Lawrence, máis coñecido como Lawrence de Arabia.