Manuel Lourenzo gaña o Premio Barco de Vapor con ‘Mundo Arb’

Manuel Lourenzo GonzálezO escritor pontevedrés leva o galardón da Fundación SM cunha novela de viaxes e aventuras.

“Unha narración chea de imaxinación e fantasía, que destaca polo acertado deseño do mundo no que transcorre, co uso dunha linguaxe propia que dá conta de todas as súas peculiaridades”. Así o opinou o xurado do Premio O Barco de Vapor 2011 para literatura infantil e xuvenil en galego. Na súa 26ª edición, o xurado integrado por Manuel Figueiras, especialista en literatura infantil e xuvenil; Isabel Soto López, crítica literaria e tradutora; e Xavier Senín, catedrático de bacharelato, outorgoulle así o recoñecemento ao traballo proposto polo autor pontevedrés Manuel Lourenzo González, catedrático de Lingua e Literatura Galega no IES Torrente Ballester, en Pontevedra.

Na obra premiada, ‘Mundo Arb’, Manuel Lourenzo conta dunha comunidade de seres humanos que viven en ramas de árbore. Toda a súa vida, as leiras que cultivan e mesmo os ríos que navegan e as vilas onde viven, están localizados en inmensas ramas de árbore no aire.

A Fundación SM anunciou que de agora en diante, o premio será bienal, de xeito que a 27ª edición foi convocada para o ano 2013.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*