‘Caracois’ e ‘Os contos do camiño’, novas propostas infantís na TVG

'Caracois' e 'Os contos do camiño', novas propostas infantís na TVG - OQOElaboradas por OQO Filmes, estas dúas series de animación comezan a emitirse este mes de maio.

Dirixida a un público de entre 2 e 4 anos de idade, Caracois emite desde este luns 2 de maio capítulos de seis minutos de duración (na TVG2 entre 7h30 e 8h00, e de luns a venres) Están baseados nas historias dos álbums de Caracois (Armando Quintero e André Letria). Son cinco libriños de NanOQOs, colección de OQO editora en cartón duro e pequeno formato destinada aos prelectores.

En Caracois visualízase un mundo de relacións infantís desde a perspectiva duns animaliños de xardín. Son a súa forma de vida, as súas relacións, os seus xogos, os seus conflitos, as súas aventuras, a través duns protagonistas cunha psicoloxía predeterminada e precisa, e que encarnan así mesmo tipos, os que tecen este mundo complexo e interrelacionado.

Aínda que a función de entreter é primordial, cabe na serie unha compoñente “didáctica” que axude ao neno a ver dunha forma inconsciente condutas que comportan valores éticos e cidadáns fundamentais. O traballo, a solidariedade, a amizade, o amor, a arte nas súas múltiples facetas (música, danza, teatro, etc…), o xogo como aventura e procura, por unha banda; e os perigos, os medos, os sustos, por outro, conforman un universo complexo de múltiples interaccións das que sempre se obterá aprendizaxe e diversión.

Os contos do camiño

Por outro lado, a serie ‘Os contos do Camiño’, achega historias que marcaron a evolución de distintas culturas, agora reinterpretadas por autores contemporáneos e adaptadas ao público infantil a través da creación de universos plásticos distintos e innovadores. Esta produción retoma a tradición dos contadores de historias para achegar aos nenos a maxia dos contos nun formato de entretemento infantil de gran calidade. Consta de 26 capítulos de 10 minutos de duración e está dirixida a cativos de 3 a 7 anos.

Os contos do camiño vaise emitir desde o día 16 de maio na TVG2. De 17 a 17.30 horas.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*