Obradoiros no Verbum con motivo do 50 aniversario da publicación de ‘Memorias dun neno labrego’.
Lugar: Verbum- Avda. Samil nº17. Vigo Horario: de 12 a 13.30 horas Prezo: entrada gratuíta |
Co gallo da celebración do 50 aniversario da publicación da obra Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, o museo Verbum súmase a esta celebración centrándose na literatura infantil do autor pontevedrés a través de actividades creativas, lúdicas e artísticas para os máis pequenos.
Trabállanse tamén os textos e as narracións de Contos vellos para rapaces novos, Cartas a Lelo e o Cabaliño de buxo, coñecendo a Balbino, Lelo, Toño e Ruliño, nenos criados no rural galego.
A primeira sesión tivo lugar o domingo 1 de maio: Que é unha aldea? Como se vive nunha aldea? Neste obradoiro viviremos as historias de catro rapaces de aldea hai 50 anos: Balbino, Lelo, Toño e Ruliño que soñan con ser grandes e marchar ás Américas.
As sesións seguintes:
Domingo 8: Sen televisión, sen consolas, sen móbil… como pasaba o tempo un neno na aldea? As festas, o traballo no agro, as rapazas, a escola, a familia…achegarémonos ás vivencias de Balbino na aldea grazas ás memorias que escribiu hai cincuenta anos. Iremos de festa ao Entroido, ao San Xoán, ás romarías todas.
Domingo 15: Probar sorte en América, o soño de todo neno labrego! Nesta ocasión viviremos as experiencias de Lelo e a súa familia que decidiron probar sorte en América; o soño de todo neno labrego! Saberemos das vivencias de Lelo no Brasil e o día a día de Toño na aldea a través da lectura da correspondencia que se foron intercambiando.
Domingo 22: Como é a vida nas Américas? Nesta sesión coñeceremos o mundo da emigración na nosa propia pel, cruzaremos o ancho océano para coñecer os contos vellos para rapaces novos, os xogos e moito máis.
Domingo 29: O cabaliño de buxo. Desta vez, Ruliño presentaranos o agasallo que lle fixeron, o seu pequeno tesouro, o seu cabaliño de madeira de buxo. Acompañarémolo na fascinación do neno pobre que é, cos ollos ben abertos ao mundo que o rodea: a natureza, o circo, a escola… pequenos grandes acontecementos que experimentar día a día!
AFORAMENTO LIMITADO A 40 RAPACES. ENTRADA POR RIGOROSA ORDE DE CHEGADA.