Visita ao Parlamento da Campaña Mundial pola Educación

Visita ao Parlamento de Galicia da Campaña Mundial pola EducaciónEstudantes de varios centros visitaron o pasado venres a Cámara como parte da Semana de Acción Mundial pola Educación de 2011.

“Aprender a coñecer, a aprender a facer, aprender a vivir xuntos e aprender, en definitiva, a ser”. Foron os catro piares do concepto da educación subliñados polo vicepresidente do Parlamento de Galicia, o deputado ourensán Xosé Manuel Baltar Blanco, na súa intervención como representante institucional da Cámara durante a visita de alumnado dunha ducia de centros escolares galegos.

A Campaña Mundial pola Educación naceu para sumar forzas entre a sociedade a prol da presión aos gobernos cara ao cumprimento dos compromisos de investimento para garantir o acceso a unha educación de calidade para todos e todas antes do ano 2015. A mobilización cidadá convoca milleiros de actividades en todo o mundo, sendo fundamental o papel das escolas.

A Coalición Galega da Campaña Mundial pola Educación está formada por Axuda en Acción, Educación Sen Fronteiras, Entreculturas, InteRed, Jóvenes y Desarrollo, e Seminario Galego de Educación para a Paz. No acto celebrado o pasado venres no Parlamento de Galicia tomaron parte 70 alumnas e alumnos de dez centros galegos que presentaron en público parte dos traballos elaborados nas escolas en prol dos obxectivos da Campaña.

Materiais didácticos
Na web oficial da Campaña Mundial pola Educación poden descargarse materiais didácticos de axuda diversos sobre educación e igualdade, tamén accesibles na súa versión en lingua galega.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*