XII Premio Leixaprén a Manuel González polo seu labor a prol do audiovisual galego

Manuel González, XII Premio Leixaprén
Manuel González, XII Premio Leixaprén
O IES de Porto do Son acolleu a entrega do galardón, coincidindo co Encontro do Audiovisual Escolar Galego SonCine.

A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística Leixaprén entregou o pasado venres o XII Premio Leixaprén a Manuel González en recoñecemento ao seu labor de promoción do audiovisual galego e da lingua galega neste ámbito. A entrega tivo lugar no marco da celebración do Encontro do Audiovisual Escolar Galego SonCine, unha xornada que reuniu arredor de 200 alumnos e 40 docentes de 18 centros escolares de toda Galicia.

O Premio Leixaprén é outorgado pola Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística Leixaprén, formada por centros de ensino secundario das comarcas do Barbanza e Muros-Noia. Este galardón, que se entrega dende o ano 2000, recoñece o traballo de persoas, colectivos, empresas ou institucións en prol da promoción e defensa da lingua galega. Desta volta, os organizadores quixeron salientar a figura de Manuel González Álvarez, polo seu traballo na promoción do audiovisual galego e da lingua galega neste campo. Subliñan ao fío, que o premio quere simbolizar o traballo colectivo de todas aquelas persoas que introduciron e dinamizaron o audiovisual nos ámbitos afeccionado e escolar, campos nos que o idioma galego ten unha presenza importante.

Na súa dilatada traxectoria, Manuel González foi responsable nos anos 80 da Área de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura e da Videoteca de Galicia (xermolo do CGAI) e coordinador do programa “A imaxe na escola”. Ademais do seu labor no eido da investigación, no que destaca no estudo e catalogación do patrimonio cinematográfico galego e da emigración, dende os primeiros 90 até a actualidade traballou na produción, guionización e realización de diversos programas e series para a TV, foi director da Escola de Imaxe e Son da Coruña e da Axencia Audiovisual Galega e responsable de proxectos pioneiros como Flocos.TV e Cinemas Dixitais.

Alén da mostra e disección de diversos traballos audiovisuais, houbo aulas audiovisuais impartidas por expertos do sector, como foi o caso do director Luís Avilés, a produtora Mara González ou o guionista Daniel Domínguez. Segundo explican os promotores deste A celebración deste primeiro Encontro do Audiovisual Escolar Galego SonCine, a convocatoria do evento responde á necesidade de visibilizar publicamente na sociedade a cantidade e calidade de traballos que se están realizando nos centros de ensino. Unha mostra non exhaustiva nin sistemática pode verse no espazo web en Netvibes do Encontro Audiovisual Escolar Galego, que recolle centos de vídeos escolares.

Relacionada: Encontro do Audiovisual Escolar Galego.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*