Festiclown 2011

festiclownO evento prepárase para tomar as rúas de Vigo entre o 26 e o 31 de xullo.

Unha programación que gustará por igual a maiores e nenos/as sen perder nunca de vista a súa vertente solidaria. O XII Festival Internacional de Clown de Galicia ofrecerá máis dun centenar de actuacións na rúa e perto de vinte no interior de carpas e teatros da cidade, sen esquecer a formación.

Co obxectivo de superar os corenta mil espectadores do ano pasado nun encontro que xunta risa e compromiso social volve o Festival a Vigo. A actividade está organizada por Coperactiva Cultural-Culturactiva e conta co financiamento da Concellaría de Cultura e Festas del Concello de Vigo, ademais da colaboración da Asociación Cultural Amig@s do Clown e Pallasos en Rebeldía, entre outras entidades.

Ao igual que en edicións anteriores, Festiclown repartirá a diversión en seccións ben definidas, como a consolidada Mostra Internacional. Neste apartado intervirán compañías do talle de Yllana con “666” ou Leo Bassi, un dos habituais do encontro, que estreará “Raíces judeo cristinas de occidente: unha fraude histórica”, un espectáculo creado ex profeso para a ocasión… Así ata seis propostas nas que se inclúen dúas galas, unha feminina e outra en apoio ao Festiclown Palestina, que contará coa música en directo de “Espido” e a presenza de artistas do talle do propio Leo Bassi, entre outros.

Programación infantil e grandes compañías a concurso
Pola súa banda, os gañadores da sección “Valladolid propón” do Festival de Teatro de Rúa de Valladolid 2011, os galegos “Lusco e Fusco” traerán a Festiclown o espectáculo que lles deu o premio, sen esquecer ao xa consolidado na escena galega Peter Punk ou a Alas Circo Teatro… Todo isto só no Certame Intergaláctico de Exterior. Quen gañará este ano?

Se ben, para os máis pequenos volve a sección “Esto non é Walt Disney” con Los 7 Magníficos 1 e o seu espectáculo “Mañá será outro día”, ademais de Pablo Muñoz, Un peixe no deserto e os balears Circ Bover.

Dinamizando espazos e colaborando

Tamén regresarán as clásicas Clownvocatorias Artísticas integradas polo Maraclown, un apartado que acolle a compañías que desenvolven os seus espectáculos nas rúas baixo a filosofía de “pasar a gorra”, e Clown-Off, aberta a todos aqueles que queiran participar de forma máis activa no Festiclown. O escenario natural do Maraclown serán as rúas de Vigo, onde haberá máis de cen pases en distintos horarios e localizacións.

Ademais, o que foi unha das novidades do Festiclown 2010: a Terrazaclown, volverase instalar na praza do Concello. Humor, música, cabaré, dj e moito máis nun espazo que promete converterse de novo nun dos centros do Festival.

En canto á faceta solidaria, o Festiclown renova un ano máis o seu compromiso con Palestina xa que a recadación deste ano se destinará á realización dun Festival Internacional de Clown no país árabe. O Programa Social incluirá, ademais da Gala Solidaria da Mostra Internacional, unha mesa redonda e varias proxeccións sobre proxectos de cooperación internacional en diversos países.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*