Campaña de divulgación do Observatorio de Hidratación e Saúde.
O estudo “Hábitos de hidratación da poboación española”, elaborado polo Observatorio de Hidratación e Saúde (OHS) indica que case 7 de cada 10 galegos (o 69% do total), non seguen as pautas axeitadas de hidratación diante do aumento das temperaturas.
Fronte á alerta de semanas máis calorosas do normal, con risco de golpes de calor e deshidratacións, e tendo en conta que a deshidratación é causa de ingreso hospitalario habitual sobre todo en verán, ponse en marcha esta campaña. O informe sinala que arredor do 32% da poboación galega forma parte dos grupos de risco neste tipo de situacións: persoas maiores, traballadores ao aire libre, deportistas, cativos e mozos son os máis vulnerábeis.
Coa meta de concienciar a poboación sobre a importancia de beber abondo, ponse en marcha en Galicia a campaña “Non te deshidrates!”. Está promovida polo OHS co apoio do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade (MSPSI) e co aval da Organización Médica Colexial (OMC) e a Fundación Quirón.
Co lema “Hai mil formas divertidas de hidratarse, a campaña percorre o país. Entre xoves 21 e sábado 23 de xullo estará no Centro Comercial Cuatro Caminos, explicándolle á cidadanía consellos acerca da inxesta da cantidade de líquido adecuada para estarmos correctamente hidratados.