A min non me comas!

A min non me comas!Os medos infantís forman parte da evolución e adoitan desaparecer a medida que os nenos medran. Nesta superación xogan un papel importante os contos protagonizados por monstros, bruxas ou seres terribles.

Era unha noite sen lúa…
O reloxo daba a UNHA… DONG!
De pronto,
Mateo espertou asustado.
Escoitara un ruído detrás da porta,
onde estaban colgados os abrigos.
Mirou cara a alí,
pero só viu unha sombra…
Abriu moito os ollos, sen pestanexar,
e a sombra transformouse nun… MONSTRO!

En A min non me comas!, Margarita del Mazo inspirouse nas súas propias vivencias, concretamente no desacougo que lle producía a escuridade cando era pequena. Neste álbum, os nenos amedrentados por este ou outros temores poderán comprobar, aliviados, que non son os únicos para quen as sombras se converten en famentos monstros, tal e como lle sucede ao protagonista.

“Foi sinxelo escribir esta historia. Só tiven que recordarme escondida baixo as sabas, chamando pola miña nai, heroica espantadora de monstros e doce gardiá dos meus soños”, admite con cariño a tamén autora dos textos de Mosquito e A máscara do león.

Vitali Konstantinov deulle forma, a través da imaxe, á angustia do protagonista. Para iso, tivo en conta tres premisas básicas: manter o ritmo da narración; respectar a abstracción do texto no referente ao espazo, para no limitar a imaxinación do lector, e contribuír desde a imaxe a crear un álbum de “medo”.
As ilustracións están realizadas con lapis de grafito e lapis de cores claras (branco, marfil e crema) sobre papel vermello.

“Gústame porque constitúe un medio de debuxo espontáneo e inmediato”, afirma este artista ucraíno, residente en Alemaña. “Esta técnica tradicional —lémbranos Vitali K.— foi empregada, entre outros, por Durero e Leonardo Da Vinci”.

A min non me comas!

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*