Agustín Fernández Paz, recoñecido co VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil

Agustín Fernández Paz - VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e XuvenilO premio ao autor galego anunciouse este luns en Guadalajara (México).

Agustín Fernández Paz recibe esta distinción en recoñecemento á súa extensa obra narrativa que, segundo afirma o xurado “trata unha gran diversidade de xéneros e temas”. Así o subliñou Verónica Abud, presidenta do xurado e representante da Organización das Nacións Unidas para a Educación e a Ciencia (Unesco). Alicia Molina, representante do IBBY, salientou a capacidade do escritor galego para crear historias a partir de feitos cotiás que, apuntou, “seducen a calquera lector”.

A acta do xurado, recolle tamén que esta concesión ao autor se lle fai tamén “polo compromiso cos valores humanos universais e o seu papel determinante na construción dunha literatura infantil e xuvenil en lingua galega”. E salientan por outro lado a habilidade de Fernández Paz para construír “personaxes entrañables (…) e ambientes onde se destaca a presenza do misterio na vida cotiá”.

O premio, que distingue as máis destacadas carreiras literarias no ámbito da literatura infantil e xuvenil, está dotado con 22 mil euros. Este VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil será entregado o vindeiro 29 de novembro en México, durante a XXV edición da Feira Internacional do Libro de Guadalajara (FIL).

Nas súas seis edicións anteriores o premio correspondéralle a Juan Farias (España), Gloria Cecilia Díaz (Colombia), Montserrat Amo (España), Bartolomeu Campos de Queirós (Brasil), María Teresa Andruetto (Arxentina) e Laura Devetach (Arxentina).

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*