Día Internacional da Alfabetización

Día Mundial da Alfabetización / Imaxe: Educación sen FronteirasFicha en galego para a formación en valores, desenvolvida por Educación sen Fronteiras.

O pasado 8 de setembro, ás portas do que aquí é o comezo oficial das clases escolares, celebrouse o Día Mundial da Alfabetización.

Once anos despois do cumio de Dakar, no que os gobernos se comprometeron a alcanzar a educación básica universal en 2015, un 17% da poboación adulta do mundo -isto é, 796 millóns de persoas- seguen sen posuír competencias básicas en lectura, escritura e aritmética. Dous terzos aproximadamente desas persoas son mulleres.

Tamén o ensino primario universal se considera un obxectivo frustrado. No último decenio, lográronse avances notables na escolarización -a cifra de menores sen escolarizar reduciuse de 106 a 69 millóns do ano 2000 ao 2008. Non obstante, o ritmo destes avances foise desacelerando de xeito alarmante nos últimos anos, segundo os últimos informes de Seguimento da Educación para Todos (EPT).

Os lentos progresos da alfabetización débense en boa medida á falta de vontade política, aínda cando se sabe que a alfabetización abre as portas ao desenvolvemento, mellora a saúde e aumenta as oportunidades de desenvolvemento persoal. Ademais, a crise financeira mundial fixo estragos nos orzamentos estatais, socavando o financiamento dos plans de educación. Os presupostos da axuda tamén están sometidos a presións. É preciso que os gobernos nacionais e os doadores redobren os seus esforzos. Para iso é necesario que os gobernos dos países da OCDE cumpran co 0,7% do seu PIB para Axuda Oficial ao Desenvolvemento, e que os gobernos dos países en desenvolvemento se comprometan a destinar un 20% do seu presuposto a educación.

Neste sentido, Educación sen Fronteiras achega para o traballo nas aulas e a sensibilización das familias unha proposta didáctica para afondar na importancia do dereito á educación. É a primeira dunha serie de fichas baixo o título “Vive os Días Internacionais” que prepara o colectivo. Todas as fichas estarán dispoñibles en galego, castelán, catalán e éuscaro.

Descarga aquí a ficha pedagóxica sobre o Día Mundial da Alfabetización

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*