Ferramentas didácticas para explicar a Transición

V Ciclo de Cine e Historia: "En Transición"O “V Ciclo de Cine e Historia” fornecerá os docentes de material e ideas para a reflexión e traballo do tema nas aulas.

20 años no es nada, de Joaquín Jordá; Septiembre del 75, de Alberto Dufour ou Fronteiras, de Rubén Pardiñas, son algúns dos filmes que se proxectarán no “V Ciclo de Cine e Historia. En Transición”, que tamén contará coa intervención entre outros do sindicalista Rafael Pillado, a irmá de Xosé Humberto Baena, vítima da represión franquista, Flor Baena ou Mónica Bar, investigadora do feminismo galego.

O ciclo foi presentado este martes 27 polas asociacións de profesores Nova Escola Galega e Sine Nomine, en colaboración coa Fundación 10 de marzo. Dirixido principalmente aos docentes, aínda que está aberto a toda persoa interesada, ostrará e explicará a Transición democrática española a través do uso do cinema.

Segundo explican os seus promotores, a proxección de filmes, as conferencias de especialistas e as testemuñas da época son instrumentos axeitados para analizar “a mitificada transición democrática española”. “O paso da Ditadura á democracia esqueceu ás vítimas do franquismo e a conquista de dereitos e liberdades foi un proceso duro e violento, lonxe do idílico consenso: a democracia gañouse nas rúas, e deixou moitos conflitos sen resolver”, expoñen.

As proxeccións audiovisuais irán acompañadas así de conferencias e debates coa meta de abrir horizontes de pensamento, discusión e reflexión, “imprescindibles para que o profesorado poida apoiarse en argumentos sólidos á hora de traballar o tema na clase”. Achegarase ademais material didáctico que facilite a preparación da clase co alumnado. .

O ciclo desenvolverase en cinco sesións (13,19, 20 e 26 de outubro, e 3 de novembro) na Facultade de Ciencias da Educación da USC (Campus Norte).

Obxectivos previstos:

1. Poñer da manifesto a importancia de introducir nos currícula os problemas do mundo actual.
2. Concienciar ao profesorado da necesidade de transmitir nas aulas valores como a solidariedade, a tolerancia, etc.
3. Sensibilizar aos asistentes da posibilidade do uso do cine como material de traballo na aula.
4. Dotar ao profesorado de materiais concretos relacionados co currículo da materia de Historia Contemporánea.
5. Actualizar coñecementos e presentar un estado da cuestión dende o punto de vista historiográfico sobre algúns aspectos do currículo da materia de Historia Contemporánea.
6. Facilitar o encontro entre o profesorado de primaria e secundaria e as persoas que traballan no mundo da realización de documentais.
7. Influír nos asistentes para mobilizar as ideas e espertar o espírito crítico diante de problemas que por seren coñecidos, moitas veces non reflexionamos sobre eles.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*