A alimentación nos centros escolares

Image by NightFrost from Pixabay

Autora: Ana Martínez Rubio. Pediatra de Atención Primaria. Centro de Saúde de Camas (Sevilla). Grupo PrevInfad.

Antes do verán, fíxose público un documento de consenso entre os Ministerios de Sanidade e Educación no que se formulaba un plan para mellorar a alimentación de nenas e nenos nos centros escolares. É unha iniciativa moi acertada xa que a escola é un lugar privilexiado para que o alumnado adquira coñecementos relacionados coa saúde e a nutrición.

A primeira parte refírese aos comedores escolares, definidos axeitadamente como un servizo educativo complementario ao ensino. Nela fanse recomendacións sobre a frecuencia con que deben servirse os distintos alimentos, tendo en conta as necesidades de nenos e nenas; a conveniencia de evitar o exceso de frituras; o tipo de graxas máis aconsellable; o tempo dedicado á comida ou a necesidade de ter en conta, á hora de planificar os menús semanais, situacións especiais tales como algunhas enfermidades ou alerxias, ou motivos relixiosos.

Non obstante, o que máis repercusión tivo na prensa foi o proxecto de regular outros alimentos que os menores poden adquirir no colexio, ben en cantinas ou quioscos ou en máquinas expendedoras.

Na infancia establécense os hábitos

Para os profesionais da saúde, esta iniciativa é acertada. Na sociedade actual, aumentou moito a prevalencia da obesidade, a diabete e as enfermidades cardiovasculares, e isto ten moita relación coa alimentación. E o risco empeza dende a infancia, que é cando se establecen os hábitos.

É importante que as familias e os responsables da educación se ocupen de que a alimentación dos escolares sexa saudable, equilibrada. Isto inclúe asegurarse de que os alimentos que haxa no fogar e no colexio sexan sans. O que hai na casa comeza no carro da compra, segue na despensa e remata na mesa. O colexio inclúe o comedor escolar, onde o haxa, e os quioscos e máquinas expendedoras. En ambos os dous ámbitos débense ofrecer froitas, verduras, legumes, guisos caseiros equilibrados, pan e lácteos. Se hai coherencia, os escolares han de os tomar e aprenderán que son alimentos sans. Pola contra, se en todas as partes hai ao seu alcance chocolatinas, xeados, bolería, zumes envasados e refrescos, o máis probable é que os prefiran pois a todos nos gusta o doce! E eles aínda non saben o que é ou non conveniente para a súa saúde.

Ademais, consideramos que é necesario facer maior esforzos para proporcionar educación nutricional ás familias, de maneira que non só saiban cal é o menú da semana senón por que se planificou así, como complementalo na cea, claves e suxestións para que a alimentación de toda a familia sexa máis san.

Tamén nos parece moi importante que, de forma paralela, se incremente a actividade física na escola e fora dela, na vida cotiá. Que os menores e as súas familias saiban que manterse activos, xogar, camiñar, correr e facer deporte é estupendo para a saúde do corpo. Que mellora o humor, facilita a integración e axuda a previr moitas enfermidades crónicas.

Sensibilizar as familias

Non é de estrañar que, en cambio, o sector industrial se queixe, pois temen perder un sector de vendas. Con este tipo de noticias parece que os seus produtos son nocivos mentres que, cando se publicou a estratexia Naos (un plan do Ministerio de Sanidade, de 2005, deseñado para previr a obesidade), se destacara que “non” hai alimentos bos e malos, senón axudas ben ou mal equilibradas”.

Pero, insistimos: os nenos non deben tomar as decisións sobre a súa alimentación. Non obstante, son bombardeados pola publicidade. Hai produtos deseñados “para eles”, aínda que non sexan necesarios e posiblemente estean entre os alimentos que deberían tomar moi poucas veces. A fin de contas, eles non teñen idade abondo para entender a información nutricional; non saben que é un menú saudable ou unha dieta equilibrada. Por iso é lóxico protexelos. Alguén ten que axudarlles a elixir o máis san e por iso é adecuado asegurarse de que o que teñen a man o é. E para facilitar as opcións, retíranse os alimentos con exceso de graxas e azucres.

Non obstante, non abonda con prohibir algúns produtos exercitando un paternalismo sobreprotector cos escolares. É moi importante informar e sensibilizar as familias. Explicarlles os obxectivos destas medidas. Deseñar outras para facilitar que todos poidan elixir máis doadamente as opcións máis saudables: máis carrís bici para desprazarse en cidades e pobos, parques seguros para xogar ao aire libre, instalacións con horario adaptado para facer deporte despois de clase ou de traballar, política de prezos alcanzables nos produtos frescos, especialmente as froitas e verduras.

Consideramos necesario que unha das primeiras actuacións debe ser a de informar as familias, en linguaxe clara e comprensible, das cuestións que preocupan aos responsables da saúde pública en relación coa saúde e a alimentación dos nenos e as nenas de hoxe, que serán adultos do mañá. Se as persoas dispoñen de información clara e veraz, poderán tomar decisións á hora de elixir un menú saudable.

Non obstante, mesmo para quen ten as ideas moi claras, hai moitos factores que constitúen barreiras para facer unha alimentación san e equilibrada. Por exemplo, os distintos horarios de traballo e escola, que impiden realizar comidas en familia de forma habitual. Ou os estilos educativos máis permisivos en que cada membro da familia come o que lle apetece. Ou o prezo dalgúns produtos. Ou a presión da publicidade e ofertas tentadoras, que inclúen prezos atractivos. No mundo actual é moi difícil “comer san” porque continuamente hai oportunidades para comer máis do necesario: alimentos apetecibles, baratos e doados de encontrar con moitas calorías; festas e celebracións arredor da comida case cada semana; restaurantes con ofertas 2 x 1; máquinas, quioscos, autoservicios; e un longo etcétera.

Dende a Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap) gustaríanos contribuír con comentarios e aclaracións que axuden ás familias a entender o obxectivo destas campañas de saúde pública.

Estas son as recomendacións para as familias dende a AEPap:

É fundamental tomar un bo almorzo ao empezar o día.

  • Se se almorza ben, practicamente non se necesita tomar nada a media mañá, xa que en poucas horas máis vén o xantar. O recreo é para xogar.
  • O refrixerio máis saudable no recreo é a froita. Ou un bocadillo de pan. Tamén pode tomar un iogurt ou leite. Pero se nos decatamos, nenos e nenas toman, en xeral, pouca froita e moitos lácteos ao longo do día. É mellor darlles unha oportunidade máis para tomar froita.
  • A mellor bebida é a auga. Quita a sede, non produce carie, non engorda nin quita o apetito. Ao contrario que todas as demais bebidas doce.

As pirámides nutricionais ofrecen unha guía sobre a frecuencia con que deben tomar os distintos tipos de alimentos. Nelas, os alimentos que deben tomar a diario están na base e, na parte máis alta, aqueles que son para consumo ocasional (menos dunha vez por semana). Aí están os xeados, os doces, os refrescos, bombóns, pasteis, lambetadas, azucres e graxas en xeral.

A actividade física é fonte de saúde, ademais mellora o humor e a autoestima. É conveniente que se realice polo menos unha hora ao día de actividade física enérxica, e mellor se é ao aire libre.

 

Accesible en: Estratexia para a Nutrición, Actividade Física e prevención da Obesidade. Ministerio de Sanidade e Consumo. 2005.


Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap)

Tamén che pode interesar o artigo: As graxas na alimentación infantil

1 COMENTARIO

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*